Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Adega plantará especies autóctonas este sábado en Friol

Por 23 Febreiro, 2024Sin comentarios

Cousa de Raíces convoca, un ano máis, unha acción simultánea baixo o lema Mirando polos nosos montes, na que se desenvolverán, ao longo do sábado 24 e domingo 25 de febreiro, xornadas de eliminación de invasoras e plantación de autóctonas por todo o país. Estas xornadas están convocadas por diferentes colectivos, organizacións e comunidades de montes veciñais que traballan a prol da restauración ambiental dos nosos montes.

A través destas convocatorias preténdese apelar a aqueles sectores da sociedade que rexeitan o modelo forestal actual polo que continúa a apostar o goberno da Xunta e dar visibilidade a aqueles colectivos e asociacións do ámbito forestal e ecoloxista que loitan por instaurar un modelo de monte diverso, multifuncional e sostible no que estea desterrado o monocultivo de eucalipto e a presenza doutras especies invasoras e poña en valor a importancia ambiental do bosque autóctono.

Unha das localidades onde se realiza esta acción é Friol, o sábado, cando se realizarán plantacións autóctonas. Os participantes están citados ás 9.30 horas no local de Adega para organizarse á hora de desprazarse a Friol.

“Cómpre lembrar que o monocultivo de eucalipto implica uns efectos negativos sobre o medio ambiente constatados: erosión do solo, perda de biodiversidade, desprazamento das especies autóctonas, impacto sobre cursos fluviais e reservas hídricas, incremento e intensificación dos lumes forestais, agravamento dos efectos do cambio climático, perda do patrimonio paisaxístico, etc”, explican os organizadores.

Cousa de Raíces é unha campaña que xorde por iniciativa do colectivo ecoloxista Adega pero que está aberta á participación de todas as persoas, entidades e colectivos dispostas a traballar baixo un mesmo obxectivo: defender o noso bosque a través do seu coñecemento e posta en valor. Preto de 50 entidades, empresas, colectivos culturais, asociacións ecoloxistas e investigadores se sumaron xa a esta causa, que continúa recollendo apoios