Skip to main content
Muras

O BNG defende en Muras o seu modelo enerxético, que se aplica neste concello

Por 8 Febreiro, 2024Sin comentarios

Os candidatos Daniel Castro e Miguel Gómez achegáronse ao concello de Muras, onde xunto co alcalde Manuel Requeixo avanzaron as principais liñas do programa de goberno en materia de enerxía. Consideran os nacionalistas que Galiza está a tempo de liderar unha nova etapa de transformación que aposte polo control social e público do sector enerxético e onde se garanta que o acceso á enerxía como dereito esencial que é deixe beneficios no noso país.

Así mesmo Daniel Castro avanzou que “desde o novo goberno da Xunta faremos unha demanda activa de todas as competencias en materia enerxética e da participación directa de Galiza das planificacións de ámbito estatal, así como negociar de forma urxente a lei do sector eléctrico de forma que Galiza poida decidir sobre as instalacións enerxéticas de máis de 50Mw para poder facer unha planificación integral da expansión renovable”.

Tarifa eléctrica

O impulso do beneficio directo para Galiza no seu papel de produtor excedentario neto de enerxía eléctrica, demandando unha Tarifa Eléctrica a través de redución directa nas peaxes é outra das medidas que o BNG levará adiante desde o goberno da Xunta.

Manuel Requeixo, que desde o concello xa ten implementado medidas para abaratar o recibo da luz á veciñanza insistiu tamén na importancia de facer unha planificación das repotenciacións aplicando criterios de retorno que beneficien á sociedade, así como en canto ás novas instalacións, aplicar novos criterios económicos sociais e ambientais para a aprobación de proxectos e en canto ás instalacións en tramitación, priorizar a protección da biodiversidade e facer unha avaliación correcta dos impactos. Medidas todas elas que van recollidas no programa de goberno nacionalista.