Skip to main content
Muras

O alcalde de Muras asistiu en Lugo á tractorada en defensa do agro

Por 21 Febreiro, 2024Sin comentarios

Baixo o lema de “a PAC e os decretos maltratan aos galegos” celebrouse onte en Lugo unha nova mobilización agraria que partía da explanada da Xunta de Galicia para concentrarse diante da Subdelegación do Goberno. Lugo é unha das localidades nas que as organizacións agrogandeiras galegas convocaban concentracións “Polo futuro do sector produtor” para esta xornada, que comeza na cidade sobre as 11.30 horas coa saída dos tractores pola Rolda da Muralla.

Trátase dunhas mobilizacións, organizada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e Unións Agrarias (UUAA), coas que o agro demanda ás administracións públicas a nivel galego, estatal e europeo unha táboa reivindicativa conxunta a fin de que se activen urxentemente medidas que garantan prezos xustos polos produtos agrarios, a racionalización das cargas burocráticas ás explotacións, a paralización dos tratados de libre comercio ou a adaptación dos ecoesquemas e da PAC á realidade da agricultura e gandaría galegas, entre outros. “As PAC débese pensar dende as explotacións e para as explotacións”, sinalaba José Ramón González de Unións Agrarias. Esixen, deste xeito, medidas nas que se teña en conta ao rural e non “que se fagan unicamente nun despacho”.

Algunhas formacións políticas tamén quixeron apoiar ao sector durante a xornada. É o caso do BNG da man de Olalla Rodil e Montse Valcárcel, deputadas electas no Parlamento Galego por Lugo que, xunto con representantes do BNG no Concello de Lugo e na Deputación de Lugo, participaron na mobilización. Tamén estivo presente o alcalde de Muras, Manuel Requeijo.

Rodil afirmou que este sector “é fundamental e estratéxico para a provincia de Lugo e para toda Galiza”, e engadiu que se necesita “garantir o mantemento da actividade gandeira, cuns prezos en orixe que cubran os custos de producción”.

Olalla Rodil anunciou que o BNG seguirá traballando en todas as institucións onde ten representación “para levar as reclamacións do sector agrario e das organizacións sindicais para garantir que se poida manter unha vida digna no rural galego”. Rodil afirmou que precísase apostar porque a transformación da materia prima, xerando valor engadido, “se realice en Galiza, creando novos postos de traballo e garantindo a continuidade do noso rural”. Dende o BNG apostan por impulsar un novo modelo de ordenación do territorio que permita impulsar modelos produtivos que favorezan a desintensificación da actividade agraria, co obxectivo non só de acadar modelos máis sustentábeis ambientalmente, senón tamén economicamente, ao diminuír os custos de produción.

Entre as reivindicacións do sector agrario tamén se atopa a necesidade de pagos en función das persoas activas e non pola superficie e importes suficientes para atender as solicitudes de produción en ecolóxico. Por outra banda, reclaman a totalidade de expedientes de agroambiente e clima e as axudas de incorporación; recuperación de terra agrícola e a súa especial protección, e apoios ao sector fronte a novos retos; fomentar o acceso da poboación aos alimentos apoiando os mercados locais e os circuítos curtos; manter a redución no prezo do gasóleo para o sector, remunerar os danos de fauna salvaxe e crear da figura do mediador na negociación de contratos e posta en marcha de observatorios de prezos nos produtos agrogandeiros.