Skip to main content
As PontesComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Formoso deixará a dirección do PSdeG en favor de Gómez Besteiro

Por 28 Febreiro, 2024Sin comentarios

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, o pontés Valentín González Formoso, confirmou que deixará a dirección dos socialistas galegos tras a celebración do próximo Congreso. “O meu papel finalizará cando finalice o Congreso”, subliñou Formoso antes de asegurar que, unha vez deixe o cargo, centrarase no seu traballo como presidente da Deputación da Coruña e como alcalde do Concello das Pontes.

Formoso aproveitou as súas declaracións, realizadas durante un acto que tivo lugar en Oleiros para reiterar o seu apoio ao candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, en quen confía “que sexa capaz de dotar de estabilidade ao partido e obteña un magnífico resultado dentro de catro anos”.

Formoso xa indicara tras a reunión da executiva do PSdeG na que se analizaron os resultados dos comicios galegos, que o partido afrontaría “cambios orgánicos desde a tranquilidade” e que o futuro pasaba por Besteiro.

Tamén aproveitou para facer unha valoración do resultado electoral, que atribuíu a “polarización política e mediática brutal” que viraba en torno ao BNG e ao PP, “obviando ao resto dos candidatos”.

Así mesmo, defendeu que Besteiro só tivo “un mes e medio” para darse a coñecer, fronte a unha Pontón que “leva oito anos como candidata” e a un Rueda que estivo “dous anos de presidente e 14 de vicepresidente”.

Sobre esta base, Formoso sostivo que o futuro pasa por “recuperar ao partido, darlle estabilidade” e “apostar polo candidato” para que “teña tempo para que Galicia o coñeza” e para “inmiscirse en todos aqueles asuntos que son importantes para a cidadanía galega”.