Skip to main content
Vilalba

O BNG pide a retirada do busto de Fraga e doutras nomenclaturas antidemocráticas

Por 1 Febreiro, 2024Sin comentarios

O BNG de Vilalba presentou unha moción, que asina o seu concelleiro Constantino Alvite, na que, en aplicación da Lei de memoria democrática sobre símbolos e elementos contrarios á memoria, pide retirar o busto de Manuel Fraga na Alameda e cambiar a denominación da cidade cultural que leva nome do que foi ministro franquista e logo presidente da Xunta durante 16 anos.

Na moción, para o seu debate no pleno de hoxe, lembra que o artigo 35 da lei de memoria democrática recolle que se consideran elementos contrarios á memoria democrática as “edificacións, escudos, insignias, placas e calquera outro elemento ou obxecto” que estean ancorados a edificios públicos nos que se realicen mencións persoal ou colectiva á sublevación militar da ditadura, dos seus dirixentes, participantes no sistema represivo ou das organizacións que sustentaron a ditadura.

Así, e dado que inclúe desde mobiliario urbano a nomenclaturas, o BNG pide que se retire e/ou elimine a placa situada na parte exterior dunha das paredes da igrexa de Sancovade, o monumento situado no cemiterio de Goiriz, o monumento situado diante do cemiterio de Alba, o busto de Manuel Fraga Iribarne situado na Alameda, a denominación da Cidade Cultural Manuel Fraga Iribarne e a denominación da rúa Luis González Valdesuso.