Skip to main content
Vilalba

Vilalba aproba no Pleno de hoxe un orzamento de 13,2 millóns de euros

Por 1 Febreiro, 2024Sin comentarios

“As contas teñen un claro acento social, continuando na liña dos anos anteriores e destinando por exemplo máis de 3,3 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar”, explica a alcaldesa, Marta Rouco.

O Concello de Vilalba leva ao pleno de hoxe un orzamento municipal para o ano 2024 de 13.253.403,37 euros.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destaca “o claro acento social destas contas continuando na liña dos anos anteriores, destinando por exemplo máis de 3,3 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar e case 200.000 euros á escola infantil municipal”.

A partida para o SAF será en concreto de 3.310.045,53 euros. O servizo, que conta con 143 traballadores, atende a día de hoxe a 311 veciños e veciñas (14.700 horas mensuais).

“É unha prioridade para nós, pero non é comprensible que un concello como Vilalba destine máis de 3,3 millóns ao SAF”, asegura a alcaldesa, que demanda “de forma urxente unha maior aportación por parte da Xunta, que debe asumir as súas competencias e non afogar desta maneira aos concellos”.

De feito, dos máis de 13 millóns de euros do orzamento municipal, o concello conta con menos de 500.000 euros de libre disposición.

Outra partida destacada este ano son os 1.592.320,75 euros destinados ao novo contrato de limpeza e recollida de lixo. O concello licitará en breve o servizo, con importantes novidades e melloras.

“Un orzamento social e realista, unhas contas pensadas por e para os veciños e veciñas de Vilalba, que tentan recoller na medida do posible as demandas da veciñanza e das distintas entidades do noso tecido asociativo, reforzando o noso plan de mellora continua de todos os servizos e infraestruturas públicas”, afirma Rouco.

A partida para apoiar ás organizacións e entidades culturais, deportivas e sociais con actividade en Vilalba ronda os 375.000 euros.

No capítulo de investimentos, o concello adianta que o orzamento será obxecto de varias modificacións de crédito durante o ano, unha vez resoltas as distintas convocatorias de subvencións e axudas solicitadas, ou o plan de obras da Deputación de Lugo.

Tratarase no Pleno o incumprimento por parte da xunta dun convenio de 2005

O grupo de goberno do Concello de Vilalba presentará tamén no pleno ordinario da corporación unha moción esixindo á Xunta de Galicia o cumprimento do Convenio interadministrativo de colaboración asinado no ano 2005 para a adecuación e transferencia da titularidade das estradas LU-118, LU-119 e LU-126.

“Unha vez máis, vémonos na obriga de pedir á Xunta de Galicia o que nos pertence” apuntou a rexedora, Marta Rouco. Pois, segundo consta nos arquivos municipais, en xullo do ano 2005, o goberno autonómico asinaba co Concello de Vilalba un convenio para proceder ao arranxo de tres estradas do casco urbano da vila, co obxectivo de que cumprisen cuns niveis aceptables de seguridade e puideran ser explotadas polo Concello nunhas condicións adecuadas.

Non obstante, dous anos despois e coas obras sen comezar, as institucións asinaron unha primeira addenda ao convenio para levar a cabo un reaxuste nas anualidades. E posteriormente, os suplementos iríanse sucedendo con incrementos no financiamento e de novo, reaxustes nas anualidades. Ata o ano 2010, data na cal se propuxo incrementar o orzamento para as obras da LU-118 e firmar un novo convenio para o acondicionamento das estradas LU-119 e LU-126.

Ademais, nese mesmo ano as tres estradas mencionadas foron transferidas ao Concello de Vilalba co compromiso de arranxar as deficiencias das mesmas por parte da Xunta de Galicia. De tal xeito que o Concello de Vilalba se fixo cargo do mantemento das mesmas, “mentres que o goberno autonómico non cumpriu a súa parte do compromiso” salientou Rouco.

Así mesmo, as obras sobre a LU-119, que transcorre dende a Rúa Cidade de Galicia ata a estrada Vilalba-Rábade, “nunca chegaron”, segundo apunta a alcaldesa. Polo que, 15 anos despois da sinatura do primeiro convenio, no ano 2020, o Pleno acordou por maioría absoluta solicitar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o financiamento preciso para a execución das acometidas. Mais, ante esta petición “o goberno autonómico fixo caso omiso, de novo, ás peticións do Concello de Vilalba e ratificou o seu desprezo co noso municipio” sinalou a rexedora vilalbesa.

“Catro anos despois consideramos que é urxente que se cumpra o acordado e financiar unhas obras imprescindibles”, apuntou Marta Rouco. Polo que o goberno local proporá na sesión plenaria de mañá a reclamación á Xunta de Galicia do cumprimento do convenio e así poder levar a cabo as obras necesarias na travesía LU-119 en toda a súa lonxitude co fin de corrixir o “estado de deterioro considerable” no que se atopa, tal e como avalan os informes dos servizos técnicos municipais.