Skip to main content
Vilalba

O Pleno aprobou os orzamentos para o 2024

Por 2 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Vilalba aprobou esta tarde en pleno un orzamento municipal para o ano 2024 de 13.253.403,37 euros.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou “o claro acento social destas contas continuando na liña dos anos anteriores, destinando por exemplo máis de 3,3 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar e case 200.000 euros á escola infantil municipal”.

A partida para o SAF será en concreto de 3.310.045,53 euros. O servizo, que conta con 143 traballadores, atende a día de hoxe a 311 veciños e veciñas (14.700 horas mensuais).

“É unha prioridade para nós, pero non é comprensible que un concello como Vilalba destine máis de 3,3 millóns ao SAF”, asegura a alcaldesa, que demanda “de forma urxente unha maior aportación por parte da Xunta, que debe asumir as súas competencias e non afogar desta maneira aos concellos”.

De feito, dos máis de 13 millóns de euros do orzamento municipal, o concello conta con menos de 500.000 euros de libre disposición.

Outra partida destacada este ano son os 1.592.320,75 euros destinados ao novo contrato de limpeza e recollida de lixo. O concello licitará en breve o servizo, con importantes novidades e melloras.

“Un orzamento social e realista, unhas contas pensadas por e para os veciños e veciñas de Vilalba, que tentan recoller na medida do posible as demandas da veciñanza e das distintas entidades do noso tecido asociativo, reforzando o noso plan de mellora continua de todos os servizos e infraestruturas públicas”, afirma Rouco.

A partida para apoiar ás organizacións e entidades culturais, deportivas e sociais con actividade en Vilalba ronda os 375.000 euros.

No capítulo de investimentos, o concello adianta que o orzamento será obxecto de varias modificacións de crédito durante o ano, unha vez resoltas as distintas convocatorias de subvencións e axudas solicitadas, ou o plan de obras da Deputación de Lugo.

MODESTO RENDA

“A última vez que se levou a Pleno unha proposta de orzamentos foi en marzo de 2019. No 2020, no 2021, no 2022 e no 2023, o Concello de Vilalba xestionouse cunhas contas prorrogadas e entendiamos como entendemos que esa situación non podía seguir un minuto máis”, explicou no debate Modesto Renda.

Como voceiro de Vilalba Aberta dixo pleno tras pleno dende a bancada da oposición que a aprobación dun presuposto municipal “era unha obriga e unha responsabilidade de calquera goberno merecente dese nome”.

“Como candidato á Alcaldía comprometinme en campaña electoral que se Vilalba Aberta gobernaba habería uns novos orzamentos. No acordo de goberno que subscribimos co partido socialista a única liña vermella que puxemos enriba da mesa sempre foi a aprobación duns orzamentos”, recalcou.

“E, agora, comezada a anualidade 2024 na miña condición de tenente de alcalde e portavoz do Grupo Municipal de Vilalba Aberta no goberno, non podo máis que mostrar a miña satisfacción polo feito de que o noso Concello deixe de ser unha excepción entre os concellos da contorna e se poña a primeira pedra do camiño da recuperación do rigor e a estabilidade presupostaria. Era un compromiso, era unha responsabilidade e os beneficiados serán, como non podía ser doutro xeito, os veciños/as do concello de Vilalba”, concluíu.

OUTROS ASUNTOS

Noutra orden de cousas, o pleno aprobou por unanimidade reclamar á Xunta que cumpra o acordo firmado en 2005 para a cesión de tres travesías, das que queda por arranxar a LU-119. Así mesmo, compareceu a concelleira de Cultura sobre as festas de San Ramón, que tiveron un custe de 128.000 euros.

A moción do BNG para a retirada do busto de Fraga de doutra simboloxía considerada antidemocrática acabou convertida en rogo e rematou co anuncio da creación dunha comisión de memoria histórica con representación de todos os partidos para estudar esta situación e acadar maior consenso.