Skip to main content
Vilalba

Rueda pediu o voto en Vilalba para lograr a maioría “para que Galicia siga avanzando”

Por 7 Febreiro, 2024Sin comentarios

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu hoxe en Vilalba o voto para o seu partido o próximo 18 de febreiro “para evitar que o barullo do multipartito non consiga interromper o avance da Galicia que funciona”.

Acompañado pola cabeza de lista pola provincia de Lugo, Elena Candia, e a presidenta local do partido, Sandra Vázquez, o líder dos populares galegos asegurou que, “por moito barullo que faga o multipartito, Galicia ten que seguir sendo como é: unha Comunidade que crece como a que máis, que baixa impostos, que apoia máis que en ningún outro lugar ás familias e aos maiores, que é pioneira e líder en educación pública en todas as etapas e que é o destino favorito para turistas de todo o mundo”.

Neste sentido explicou que se Galicia funciona “é porque hai un pobo unido e un goberno que está ao que ten que estar, centrado en resolver os problemas dos galegos e as galegas”. Por iso deu a todos os asistentes a súa palabra de que, “a diferenza dos enredos e das contradicións doutros partidos, el si cumprirá a súa palabra e pide o voto con propostas que vai cumprir”.

Propuxo así unha Galicia que aposte polo seu sector primario e apoie ao rural e ao mar “sen medias tintas, na que os galegos sigan pagando menos impostos e conten cunha matrícula gratuíta en toda a educación e na que os maiores teñan os mellores coidados posibles e estean activos con propostas como o Bono Actívate”.

Para todo iso pediu o apoio que sempre dá a provincia de Lugo ao Partido Popular e chamou aos seus “a traballar sen dar un voto por gañado nin por perdido, con argumentos e cun programa para que Galicia gañe”.

Aproveitando a súa presenza en Vilalba, o líder dos populares galegos quixo ademais reivindicar a figura de Manuel Fraga “fronte a aqueles que queren quitarlle os honores na súa vila natal”. Neste sentido reafirmou o seu orgullo por todo o que Fraga fixo por Galicia e asegurou que, “por moito que outros o intenten, ninguén vai borrar a memoria aos galegos”.