Skip to main content
Vilalba

Pilar García Negro dará unha conferencia sobre Rosalía este venres en Vilalba

Por 14 Febreiro, 2024Febreiro 21st, 2024Sin comentarios

O Instituto de Estudos Chairegos, dentro dos actos que durante os meses de febreiro e marzo ten programados en homenaxe a Rosalía de Castro baixo o título de Quero ver o mar-Homenaxe a Rosalía, organiza o venres 16 de febreiro, ás 20:00 horas, na casa da cultura de Vilalba, a conferencia Rosalía de Castro de onte a hoxe, que será impartida por Pilar García Negro, profesora honoraria da USC e escritora, contando tamén coa presentación de Marisa Barreiros, presidenta
do Iescha.

María Pilar García Negro, nada o 9 de outubro de 1953 en Lugo, é unha política, escritora, sociolingüista e profesora galega.

Estudou filoloxía hispánica e filoloxía galega na Universidade de Santiago de Compostela, doutorándose en 1991.

Foi profesora de lingua española no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña entre 1976 e 1985 e na Sardiñeira entre 1985 e 1990. Deu sempre as clases en galego, o que lle valeu a apertura dun expediente sancionador en 1983. Dende 1991 é profesora da Universidade da Coruña, sendo profesora titular desde 1995 no Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística.

Publicou a sección O idioma no semanario A Nosa Terra entre marzo de 1978 e agosto de 1979, seguíndolle Leccións de Literatura e de Lingua con Xosé María Dobarro de 1979 a 1980.

Pilar García Negro interveu en numerosos congresos nacionais e internacionais sobre sociolingüística, linguas europeas non normalizadas, literatura galega e feminismo, e publicou edicións e estudos sobre Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Pardo Bazán, Castelao, Xesús San Luís Romero, Ramón Villar Ponte, Eduardo Blanco Amor, Ricardo Carvalho Calero, Jenaro Marinhas del Valle, Manuel María, María Xosé Queizán, Lois Diéguez, Marica Campo ou Pilar Pallarés.

Foi presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña (1983-1988). É membro do Consello de redacción de Altres nacións, da Revista de Filoloxía da Universidade da Coruña e da revista Terra e Tempo. Colaboradora da AS-PG, AELG e Mesa pola Normalización Lingüística. Desde 2004 é a directora-xerente da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas.

Foi deputada no Parlamento de Galicia polo BNG entre 1989 e 2003. Durante ese período destacou por ser unha das principais defensoras da legalidade do topónimo galego da cidade da Coruña fronte os recursos nos tribunais do daquela alcalde da cidade, Francisco Vázquez, para manter a oficialidade de dito topónimo en español.

En 2006 foi xulgada e condenada canda Xosé Manuel Carril e Francisco Xosé Rei por inxurias e desorde pública logo dun pleno, celebrado en 2004, no Palacio de María Pita no que Francisco Vázquez pretendía cooficializar os topónimos galego e castelán para a cidade.