Skip to main content
Vilalba

Vilalba acollerá un curso sobre coidados compartidos en marzo

Por 17 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Vilalba informa de que o vindeiro mes de marzo impartirase na nosa vila o curso Coidados compartidos, dirixido a coidadores e coidadoras de persoas cunha demencia neurodexenerativa e que terá lugar na Casa da Cultura, localizada no número 1 da Praza Suso Gayoso.

As sesións formativas darán comezo o luns 18 de marzo en horario de tarde, concretamente dende as 16.00 horas ata as 19.00, franxa horaria que se repetirá o martes 19, mentres que o mércores día 20, o horario será de 16.00 a 18.00 horas. Ademais, o seu contido estará vencellado ao alzhéimer e outras demencias, abordando diversas cuestións divididas en seis bloques diferenciados.

Por unha banda, abordaranse os síntomas cognitivos das demencias, e pola outra, os síntomas non cognitivos das mesmas. Ademais, adicarase un bloque de contido ás terapias non farmacolóxicas e outro á comunicación coa persoa con demencia, para finalmente tratar o autocoidado da persoa coidadora.

As persoas interesadas poden inscribirse presencialmente nos Servizos Sociais municipais, ou se o prefiren, tamén por teléfono no número 982.523.032. Así mesmo, todos os e as participantes recibirán un diploma acreditativo cando remate a formación que fará constar a súa participación no curso de formación Coidados compartidos, no que colaboran, ademais do Concello de Vilalba, a Federación Alzhéimer Galicia, a Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo e o Festival da Luz.