Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

O Concello de Burela presentou dous proxectos ao programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo

Por 5 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello de Burela presentou dous proxectos ao programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), na convocatoria correspondente ao 2024.

Unha vez valorados os proxectos e resolta a convocatoria, informarase á veciñanza da súa resolución e, de ser o caso, do inicio dos proxectos. O FEMPA é xestionado a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), neste caso, do GALP A Mariña-Ortegal.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca que os dous proxectos presentados “poñen en valor o papel fundamental que o sector do mar ten na nosa vila, e neles teñen un peso clave a mocidade e o tecido asociativo”.

O primeiro dos proxectos presentados é ‘Burela alumea – O espello do Faro’. Á espera da súa avaliación para a súa posta en marcha, o proxecto foi creado en torno ao patrimonio material pesqueiro e a súa conservación e difusión.

Este proxecto xira arredor do molde do Faro de Burela, empregado para a reparación deste tras os desperfectos sufridos polo mesmo no temporal do ano 2014. A reparación do molde, e a realización dunha obra artística na estrutura, farán que este “funcione como espello” en terra do Faro no mar”, explica Carmela López.

Está enfocado a promover a participación das mozas e mozos de Burela, que exercerán como “detectives e difusores do patrimonio pesqueiro da vila a través de obradoiros de radio e fotografía”, sinala a alcaldesa.

Deste xeito, “fortaleceranse os seus lazos co sector pesqueiro e as súas diversas asociacións e entidades: Confraría de pescadores, Asociación A Moncloa, Asociación de redeiras Cabo Burela ou Fundación Expomar”, explica.

O segundo proxecto presentado denomínase ‘Ondas limpas – Programa de sensibilización e acción ambiental na contorna da Marosa’. Céntrase na concienciación comunitaria arredor do coidado do medio ambiente.

Consta de distintos eixos de acción: recollidas de lixo plástico nos areais, realización dunha obra artística con materiais de refugallo nun local no complexo deportivo municipal da Marosa, e realización de traballos técnicos para a erradicación da uña de gato no areal.

Este proxecto, ademais, “pon o foco na importancia dos deportes no mar como xeradores de actividade económica e benestar social da veciñanza”, destaca López. Conta tamén coa vinculación do sector pesqueiro, e está dirixido á mocidade e ao tecido asociativo da vila.