Skip to main content
Burela

O PP de Burela di que o PSOE-BNG votaron en contra de atender peticións dos veciños

Por 7 Marzo, 2024Sin comentarios

O Goberno PSOE-BNG de Burela votou en contra de atender peticións dos veciños como a limpeza das fontes municipais ou priorizar a contratación de empresas locais nos casos nos que é posible, segundo o PP de Burela.

Os concelleiros do PP de Burela cren que “a señora López Moreno parece estar máis preocupadas pola súa proxección persoal que por solucionar os problemas do día a día da veciñanza de Burela”.

Os populares consideran “inconcibible” que o goberno local se negue a aceptar as peticións dos propios veciños e veciñas e que incluso amose publicamente o seu rexeitamento a cumprir cun asunto que é da súa competencia como é a limpeza, saneamento e salubridade das fontes públicas municipais”. Ante a falta de actuacións por parte do goberno bipartito son os propios veciños os que están a facer estas tarefas para poder facer uso destas fontes públicas”.

As dúas iniciativas foron ao pleno da man do Grupo Municipal Popular que non entende que “PSOE e BNG rexeiten ambas actuacións que non supoñen grandes esforzos por parte do goberno local, nin a nivel económico nin de xestión”, puntualizan. Deste xeito, os concelleiros do PP cren que “queda demostrada a súa incapacidade para abordar os asuntos do día a día da actividade municipal”.

Os populares tamén pedían no último pleno que “o Concello priorizase a contratación de empresas locais cando é posible que é o caso dos contratos menores”. Así o trasladaron tras recibir queixas de empresas de Burela que, “tendo a cualificación axeitada para determinados traballos, nin sequera recibiron unha chamada para solicitarlles presuposto e preferiron contratar empresas doutras localidades e incluso doutras provincias”. Para os populares “con este proceder non se contribúe a facer máis forte o tecido económico e empresarial de Burela”.

PROMESAS SEN CUMPRIR

Os populares indican tamén que “a pesar dos posados e anuncios que fai a alcaldesa socialista na prensa, a realidade é que a ausencia de determinadas decisións que deberían ser urxentes e non acaba de tomar poñen de manifesto a súa incapacidade para xestionar o Concello”.

Así o apuntan ante o incumprimento dalgunhas promesas electorais como a solución ao mercado semanal dos venres ou a mellora prometida nas instalacións deportivas da Marosa.

Os populares lembran que “os comerciantes ambulantes levan anos reclamando unha solución para o mercado semanal dos venres que supuxo un descenso de vendas tras ser trasladado a Torrentes”. Pero, “a pesar de que o goberno local se comprometera a estudar a súa celebración no centro da vila de forma que contribúa á dinamización social e económica da vila, máis de sete meses despois de constituírse este novo mandato, a situación segue sen solucionar”.

“O arranxo da grada do campo municipal e do campo de fútbol de herba artificial da Marosa tamén é outra das promesas ás que o goberno bipartito aínda non deu cumprimento”, unhas actuacións moi demandadas tendo en conta o importante número de usuarios destas instalacións deportivas.