Skip to main content
Burela

Burela acolle un quiosco feminista que estará aberto todo o mes de marzo

O Concello de Burela uniuse á conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, momento no que se inaugurou o quiosco da Praza da Mariña no que o Observatorio da Mariña pola Igualdade expresa de xeito moi visual o significado do 8M.

“É un quiosco informativo, didáctico e reinvidicativo deste día de loita en prol da Igualdade. Invitamos a toda a veciñanza a visitalo durante este mes de marzo”, asegura Sandra Fernández, concelleira de Igualdade de Burela.

“A desigualdade é un problema estrutural que esixe unha resposta social forte”, asegura pola súa parte a alcaldesa, Carmela López, que fai un chamamento “a reflexionar e a seguir avanzando para acadar o obxectivo dunha igualdade real e efectiva”.

Uxía Treitas, presidenta do observatorio, apunta que “esta instalación feminista afonda nos diversos acontecementos históricos que levaron a que o 8 de marzo sexa o Día Internacional da Muller e aporta varios datos sobre a explotación laboral, a violencia de xénero, a brecha salarial e os coidados na actualidade”.

“A realización desta instalación foi posible grazas á colaboración de diversas mulleres feministas mariñás e do Concello de Burela. Poderase visitar durante todo o mes de marzo”, rematou Treitas.