Skip to main content
Burela

Pedro Blanco destaca en Burela que o Goberno garantirá o acceso á vivenda á mocidade para asentar poboación no rural

Por 11 Marzo, 2024Sin comentarios

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anunciou durante a visita institucional ao concello de Burela as condicións dos avais que facilitarán a compra da primeira vivenda a mozos e mozas de menos de 35 anos e a familias con menores a cargo, garantindo ata o 20 % da hipoteca. Explicou os requisitos xunto coa subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa, Carmela López, con quen compartiu a necesidade de consolidar a vivenda como quinto piar do estado de benestar con políticas públicas que axuden a fixar poboación en concellos pequenos.

Na xuntanza, Pedro Blanco confirmou que “acabamos de aprobar novos avais do Instituto de Crédito Oficial (ICO) cunha liña de 2.500 millóns de euros para a compra da primeira vivenda, o que terá un gran impacto en Galicia por ofrecer esta posibilidade a preto de 50.000 mozo e mozas”.

Subliñou ademais o compromiso do Goberno na protección dos menores “cunha medida que serve para dar solución a un problema complexo que necesita de instrumentos concretos para abordalo”. Defendeu neste senso “que non é unha iniciativa illada, pois foi tamén este Goberno o que aprobou a primeira Lei de Vivenda da democracia, que se complementa con outras respostas como o bono mozo ou as axudas ao alugueiro”.

Pedro Blanco puxo en valor o traballo da alcaldesa na procura de solucións para os seus veciños e veciñas, “sei que traballamos da man para mellorar a vida da xente, e que nun concello como Burela de menos de 10.000 habitantes a rede de servizos e as políticas públicas son máis necesarias que nunca”.

Condicións dos avais

Dentro das persoas de ata 35 anos e familias con menores a cargo, poderán acceder a este programa persoas con residencia legal en España continua e ininterrompida durante os dous anos anteriores á solicitude do préstamo, con ingresos individuais que non superen os 37.800 euros brutos ao ano (4,5 veces o IPREM). No caso de que a vivenda sexa adquirida por dúas persoas, dobrarase este límite, e incrementarase en 0,3 veces o IPREM por cada menor a cargo. No caso de familias monoparentais poderá incrementarse nun 70% adicional.

O Goberno cubrirá ata o 20 % do total do crédito e o límite do patrimonio avalado será máximo de 100.000 euros. Os préstamos poderán formalizarse ata o 31 de decembro de 2025, tendo o aval un prazo de 10 anos como máximo.