Skip to main content
Foz

Teatro, contacontos, un obradoiro e unha exposición, serán os protagonistas do 8M de Foz

Por 5 Marzo, 2024Sin comentarios

 A programación organizada polo Concello de Foz para conmemorar o Día Internacional da Muller inclúe unha concentración, dúas representacións teatrais, unha sesión de contacontos, un obradoiro e unha exposición.

A concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena, anuncia que “como cada ano, con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Foz súmase a esta xornada de reivindicación e loita, pois é un día no que se celebran os dereitos conquistados polas mulleres en todos os ámbitos e conmemora a longa historia de loitas e sacrificios que tiveron que levar a cabo para acadalos. A nosa programación de actividades prevista para este 8M está chea de reivindicación, cultura e moita forza”.

A programación dará comezo o venres ás 19.00 horas coa concentración diante do Concello e lectura do manifesto por parte da concelleira de Muller e Igualdade e dúas compañeiras da corporación municipal que colaborarán coa mesma. Neste acto tamén contarán con alumnado do IES de Foz, que “fará a lectura dunhas verbas con moita paixón e cheas de empoderamento xuvenil”, explica Elena Martínez, quen engade que “ese mesmo día, ás 20.30 horas, poderase gozar dunha xornada de teatro coa obra Cigarreiras, da compañía Contraproducións, que se organiza en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Foz. É unha versión teatral de Cándido Pazó sobre a obra La Tribuna, que conta as vidas das traballadoras e pioneiras no ámbito laboral da fábrica de Tabacos coruñesa”. E a concelleira de Cultura, Inés López Couto, destaca que “Cigarreiras é unha obra con sete actrices moi coñecidas na que veremos o duro traballo co que as mulleres sacaban adiante ás súas familias. Facendo labores do tabaco que consumían os homes. Un amor socialmente imposible. Unha época na que o ocaso dos Borbóns está próximo e a piques de chegar a República”.

Outra das actividades que se levarán a cabo en colaboración coa Concellería de Cultura é a que se desenvolverá o domingo 10 ás 12:00 horas na Sala Bahía, unha xornada de teatro familiar denominada Asemblea Xeral, da Compañía Sarabela Teatro. “É unha obra sobre a igualdade de oportunidades entre a sociedade”, explica Inés López.

Ademais a concelleira de Muller e Igualdade anuncia que “xa o martes 12 ás 18.30 horas na Casa da Cultura Poeta Manuel María os máis pequenos poderán disfrutar dun contacontos pola igualdade con Marisa Irimia, natural de Foz, que amosará o seu espectáculo Rapazas de conto, unha selección de contos feita para reflexionar sobre a desigualdade entre nenas e nenos, dunha forma teatral, dinámica e, sobre todo, moi, moi divertida. Historias que levarán ao público por corredoiras sorprendentes onde coñecerán mulleres valentes que escollen o seu propio destino e rompen cos estereotipos de xénero. O domingo 17 de marzo, ás 11:00 horas na Sala Bahía, haberá un obradoiro no que nenas e nenos a partir dos 3 anos poderán gozar de diferentes actividades sobre a Igualdade, xa que consideramos que é un dereito que se ten que educar xa desde idades temperás. E por último, xa durante o mes de abril, e en colaboración coa Aula Universitaria de Foz, levarase a cabo no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) unha exposición sobre a trata de mulleres realizada desde o Servizo de Atención a mulleres vítimas de violencia, trata e explotación sexual, de Cáritas Diocesana de Lugo”.