Skip to main content
Foz

A auga da traída en Cordido volve ser apta para todos os usos

Por 6 Marzo, 2024Sin comentarios

A auga da traída en Cordido volve ser apta para todos os usos, incluídos beber e cociñar. Así, o Concello de Foz está a subministrar auga a Cordido procedente da potabilizadora  (ETAP) de Fazouro desde este martes, día 5 de marzo, despois das obras de emerxencia que comezaron o sábado 24 de febreiro.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “Cordido conta cunha captación propia no río das Fontes, de Moucide. Os derrubos neste río e unha potabilización moi básica provocaron unha perda de calidade da auga, polo que o Concello veuse na obriga de non recomendar o seu uso para beber e cociñar. O sábado 24 de febreiro comezamos unhas obras de emerxencia para conectar a rede de Cordido coa xeral do Concello, que se nutre do caudal do río Ouro. Onte, luns, fixéronse as probas de funcionamento do equipo de presión instalado no barrio de Ferradás, en Cordido, que permite que a auga da traída chegue ás vivendas máis elevadas da parroquia”.

A obra de emerxencia consistiu na disposición de 320 metros lineais dunha nova tubaxe de polietileno de 63 milímetros de diámetro enterrada, que une a zona de As Lagas en Cangas con Ferradás, en Cordido. Ademais, instalouse un novo sistema de impulsión con bombas, calderín e depósito, que permite dispoñer da presión suficiente para chegar ás vivendas máis elevadas da parroquia.

“Co subministro de auga a Cordido desde a potabilizadora de Fazouro podemos garantir que as veciñas e veciños desta parroquia poden usar con tranquilidade a auga para beber e cociñar. Esta conexión das dúas traídas vainos dar maiores opcións na xestión da rede. De calquera xeito estamos traballando para que a auga captada no río Fontes, de Moucide, tamén conte con todas as garantías para o seu consumo”, remata o alcalde.