Skip to main content
Foz

A cultura mariñeira, a gastronomía e a historia protagonizan a Festa do Berberecho de Foz

Por 30 Marzo, 2024Sin comentarios

O vindeiro sábado, 6 de abril, volve o berberecho a Foz, marisco que para os focegos é o chícaro. É unha cita que dende o pasado ano se sitúa na semana seguinte á semana santa. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que “foi un ano difícil para o sector do marisqueo e dende Foz queremos continuar contribuíndo a que se consuma produto do mar, mostrando ao mundo o marabilloso sabor que ten grazas á sempre inestimable colaboración dos ciclos de Hostalería do IES de Foz”.

O programa da XXII Festa do Berberecho combina a cultura mariñeira, a gastronomía e a historia de Foz. O venres 5 o primeiro evento será ás 19.30 horas no salón de actos do CENIMA, coa charla titulada Interpretación toponímica da costa de Foz. II Parte: de Llas á Pampillosa, a cargo de Xesús do Breogán; para a continuación poder gozar dos cantos de taberna polos locais de hostalería da zona portuaria.

O sábado 6 ás 10.30 horas na Praza Conde de Fontao o mesmo Xesús do Breogán realizará un percorrido pola historia de Foz, coas fotos do mural da mesma praza. Para a continuación, ás 12.00 horas, na carpa situada no porto escoitar o pregón de José María García Rivera, alcalde de Foz entre 1995 e 2011 e impulsor desta festa. A continuación a música será a cargo dos grupos tradicionais de Foz A Subela e O Feitizo. Ás 13.00 horas comezará a degustación de berberechos, este ano tamén acompañados de mexillóns.

A música continuará co dúo Primeira Línea e a carpa estará aberta ata ás 17.00 horas. Xa pola noite, a partir das 22.30 horas na mesma carpa, os DJs Alejandro Martínez e Litainer pecharán un día de festa para Foz. Os concelleiros de Festas e de Dultura, Ángel Fernández e Inés López, desexan que “focegos e visitantes desfruten dunha bonita xornada de cultura local”.