Skip to main content
Ribadeo

O Ceip Gregorio Sanz de Ribadeo mergúllase na prensa

Por 7 Marzo, 2024Marzo 8th, 2024Sin comentarios

Desenvolven diversas actividades pola Semana da Prensa, o cal les serve de reflexión e de estímulo para o futuro.

Co gallo da Semana da Prensa, que se celebra no mes de marzo, os alumnos do Ceip Gregorio Sanz de Ribadeo están a aprender e percorrer as diferentes seccións que compoñen un xornal. Primeiramente, están a analizar se a prensa recolle noticias sobre a súa propia vila, xa que este ano o centro de interese é Mergullándose en Ribadeo, para que o alumnado coñeza tanto a ría de Ribadeo como as parroquias que compoñen o propio Concello.

Así mesmo, observan o valor que se lle dá á muller na prensa, localizando as novas nas que elas son protagonistas, xa que nesta primeira semana de marzo celébrase, o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller.

“Parécenos axeitado levalo a cabo traballando cun xornal próximo, da comarca e que estea escrito totalmente en lingua galega”, di unha das mestras que colabora na actividade. “De súpeto alguén dos nenos preguntou se todos os xornais eran así, polo que outra das actividades que estamos a levar a cabo é comparar diferentes xornais impresos e tamén a prensa dixital coa prensa escrita”, engade a coordinadora do proxecto.

Así, o alumnado estase a divertir lendo, investigando e converténdose en xorna-artistas, e entre as diferentes actividades que fan atópanse a lectura das novas dun xornal impreso e dun medio dixital as cales están sendo analizadas detidamente para sacar conclusións. Máis tarde, tamén terán a oportunidade de coñecer e visualizar as diferentes seccións que conforman o xornal e pensar como cambiarían ou farían eles.

Cabe destacar que estes pequenos investigadores estudan as preferencias entre formato papel ou dixital e cantos xornais hai en lingua galega e en castelán e a súa proporción ou que teñan algunhas novas en galego.

Tamén na súa tarefa como xorna-artistas reescriben noticias partindo das que len e inventan titulares e noticias.

Por outra banda e para darlle unha segunda vida á prensa escrita, están a realizar creacións con anacos de papel para así contribuír ao respecto e ao coidado co medio ambiente.

Os pequenos participantes desta curiosa actividade destacan a inmediatez da prensa dixital fronte a escrita, a rapidez de publicación ao non precisar imprenta, e a accesibilidade ás novas dende calquera soporte dixital como son o móbil, a tablet ou o ordenador.

Esta iniciativa partiu do equipo de Biblioteca en coordinación co equipo de Dinamización Lingüística e os representantes do resto de equipos coas aportacións realizadas polo claustro.