Skip to main content
Ribadeo

A Semana Santa de Ribadeo celebraranse do 22 ata o 31 de marzo

Por 15 Marzo, 2024Sin comentarios

Os actos da Semana Santa de Ribadeo celebraranse desde o 22 ata o 31 de marzo. Empezarán o día 22, Venres de Dolores, ás 20.00 horas cunha misa solemne na igrexa parroquial de Santa María do Campo.

O sábado 23 ás 20:00 horas haberá a celebración vespertina do Domingo de Ribadeo e ás 20.30 horas terá lugar o pregón a cargo do bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. No acto actuarán a Coral Polifónica de Ribadeo e o Coro Sagrado Corazón.

Para o día 24, Domingo de Ramos, está programada unha procesión desde a igrexa, ás 11.15 horas, e a bendición dos ramos na Praza de Abaixo. E ás 12.00 horas celebrarase a Eucaristía no Domingo de Ramos na Paixón do Señor.

O luns 25 ás 22.00 horas celebrarase o XXV Vía Crucis, que estará presidido polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, e animado polo Coro Parroquial.

O mércores 27 ás 20.45 horas terá lugar na igrexa parroquial ribadense un concerto de música sacra a cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo.

O Xoves Santo, día 28, ás 19.00 horas haberá a celebración da Eucaristía na Cea do Señor, animada polo coro parroquial, e a Procesión dos Pasos da Paixón do Señor, acompañada polo Coro Miserere e polo Grupo de Tambores.

Para o Venres Santo están programados estes actos: ás 10.30 horas terá lugar a procesión con Xesús Nazareno e Bendición ás Clarisas, acompañada polo Coro Miserere e polo Grupo de Tambores, e o tradicional Encontro na Praza de Abaixo; ás 18.00 horas celebrarase a Paixón do Señor, animada polo Coro Parroquial, Desencravo e Procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda Municipal de Música de Ribadeo e o Coro Miserere; e ás 24.00 horas haberá a procesión da Soedade, acompañada polo Coro Miserere.

E o 31 de marzo, Domingo de Pascua, ás 11.00 horas celebrarase a Procesión do Anxo, acompañada polo grupo de gaitas Follas Novas; e ás 12.00 horas haberá a Misa Solemne do Domingo de Pascua da Resurrección do Señor, cantada polo Coro Parroquial.