Skip to main content
Ribadeo

O BNG de Ribadeo di que o “Goberno municipal do PP non ten capacidade para gobernar ben”

Por 20 Marzo, 2024Sin comentarios

O BNG de Ribadeo di que o “Goberno municipal do PP non ten capacidade para gobernar ben”. Así, os nacionalistas din que “para gastar sen xeito e sen traza, si; para solucionar os problemas da xente, semella que non. A súa obsesión por marcar diferenzas co anterior goberno municipal do BNG leva ao PP de Ribadeo a desfacer todos logros dos anteriores mandatos, e mesmo a crear problemas onde antes non os había”.

Segundo o BNG, de cara á Semana Santa, as actividades de lecer para a rapazada “van sufrir un radical cambio de enfoque”. Durante o Pleno o concelleiro de deportes e mocidade, Francisco Silvent, dixo que “estas novas actividades van estar enfocadas cara aos nenos e nenas e a mocidade que poidan ter problemas”. Desde o BNG “sempre apostamos por actividades para toda a rapazada e tendo sempre en conta que un dos obxectivos fundamentais é a conciliación familiar. Meterse en aventuras sen un mínimo de experiencia comporta riscos. Pero ao goberno municipal, con tal de se diferenciar do anterior goberno, élle igual”.

Por outra banda, o BNG din que os veciños de Remourelle “seguen sen ser atendidos tralos estragos causados polo último temporal na súa escola (e xa vai case un mes)”.

Tamén lle esixiron explicacións ao Goberno municipal do PP sobre o uso do vehículo de protección civil para actividades” que non se corresponden co estipulado pola normativa vixente”.