Skip to main content
Ribadeo

O alcalde de Ribadeo anunciou melloras no entorno das Catedrais como un aparcadoiro

Por 26 Marzo, 2024Sin comentarios

O alcalde, Dani Vega, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitaron esta mañá a praia das Catedrais. Para acceder ao areal ao longo da Semana Santa é preciso retirar os pases gratuítos que concede a Xunta. O rexedor anunciou melloras no entorno en datas próximas.

Vega declarou: “desde o Concello queremos destacar que a praia das Catedrais é un dos grandes recursos que ten Ribadeo, desde o punto de vista económico, desde o punto de vista da conservación do medio ambiente e polo impacto cultural. É un espazo natural e un entorno cultural”.

O alcalde dixo que “desde o Concello queremos traballar conxuntamente con todas as administracións, neste caso co Goberno do Estado e coa Xunta de Galicia. A conservación do espazo é cousa de todos. Por iso nas vindeiras datas imos investir para mellorar todo o entorno das Catedrais. Estamos a falar da entrada e da zona do aparcamento. Isto é o que trae colaborar, xestionar e conservar os espazos naturais. Isto non é cousa dun día, é cousa de ir conservando paulatinamente ao longo dos anos. Agora que temos que investir moito en todos os espazos naturais, nos areais e en todos eses espazos turísticos, porque durante anos non houbo ningún tipo de conservación nin de mantemento, nosoutros non buscamos responsables senón que temos que xestionar e dar unha solución”.

Dani Vega subliñou que “Ribadeo benefíciase directamente da praia das Catedrais, deste espazo natural e cultural. Ten un impacto económico non so no turismo, senón no comercio e na hostalaría. É un eixo vertebrador, é algo transversal que impacta en toda a economía local e debemos conservar e coidar este elemento dinamizador da economía e tamén o grande impulso que ten que coller desde o punto de vista medio ambiental”.

Para o rexedor “queda moito por facer no entorno da praia das Catedrais, hai que dotalo dun aparcamento e niso estamos a traballar xa. Os terreos están expropiados, pero agora precisamos o impulso económico, a xestión e o traballo. O que xa xestionamos é a conservación de todo o espazo, tanto da entrada como do aparcamento, e temos que ter conciencia da conservación do medio ambiente. Cando se visita un areal hai que evitar destrozos no patrimonio de todos, non ensuciar masivamente o entorno… é cousa de todos”.

E engadiu que “agora que empezan as vacacións de Semana Santa os pases para acceder ás Catedrais xa están regulados e está a dar un bos resultados. Destaco a colaboración da Xunta de Galicia hoxe coa visita de Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e vicepresidenta segunda da Xunta. Isto é o que hai que seguir facendo, colaborando con todas as administracións e xestionar para que Ribadeo siga avanzando”.