Skip to main content
Viveiro

A Deputación fai unha achega de 25.000 euros para a celebración da Semana Santa de Viveiro

Por 7 Marzo, 2024Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo un encontro coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, con motivo da Semana Santa da localidade, declarada de Interese Turístico Internacional dende o ano 2013. José Tomé destacou o compromiso da institución provincial co Concello na celebración desta cita relixiosa, á que achega 25.000 euros a través dun convenio de colaboración, pois “supón un revulsivo económico na provincia congregando a milleiros de visitantes nesta datas festivas”.

Grazas á colaboración da institución, a Xunta de Confrarías volverá a contar coa carpa Antesala dun Museo, onde se exporán algúns dos pasos e as pezas de ourivería que sairán nas procesións polas rúas da cidade do Landro. A carpa, que abrirá as súas portas a vindeira semana, estará instalada como en anos anteriores na Praza de Jacinto Calvo, nas inmediacións da Igrexa de San Francisco.

Loureiro agradeceu ao Presidente o incondicional apoio da Deputación cada ano, que permite ao Concello “seguir colaborando coa Semana Santa para contribuír a acadar unha maior dimensión e proxeción dun dos grandes reclamos turísticos da Mariña Lucense e de toda a provincia”. Neste senso, apuntou que a Semana Santa viveirense move eses días a unhas 40.000 persoas, “coa repercusión económica que isto supón, e consegue unha ocupación hoteleira no municipio do 100 %”.