Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro di que “a alcaldesa non ten nin vontade política nin persoal de solucionar o problema da Policía Local”

Por 7 Marzo, 2024Sin comentarios

O PP de Viveiro lamenta que a alcaldesa “desaproveitase” a xuntanza celebrada co presidente da Deputación para “pechar unha colaboración” que permita dar solución á inseguridade xerada na cidade debido a que o 100 % dos efectivos da Policía Local se atopan de baixa por depresión. A voceira do Grupo Municipal, Mariña Gueimunde, amósase moi crítica  coa socialista, pois foi ela a que na Xunta de Voceiros, celebrada esta mesma semana, trasladou aos grupos políticos que compoñen a Corporación a súa vontade de pedir colaboración á institución provincial.

“Claramente a Sra. Loureiro non ten nin vontade política nin persoal de buscar alternativas á indefensión na que nos atopamos e, todo elo, tendo en conta que estamos ás portas da Semana Santa, na que Viveiro aumenta considerablemente a súa poboación”. E é que, segundo apunta, ao non trascender nada relevante sobre este asunto por parte das administración local e provincial “queda claro que a alcaldesa está a vulnerar” ademais unha competencia que a Lei  Reguladora de Bases de Réxime Local lles atribúe aos alcaldes/alcaldesas e que establece, no seu artigo 124, que a Xefatura da Policía Municipal é unha competencia indelegable mesmos.

“PUNTA DO ICEBERG”

Para os populares “isto é a punta do iceberg”, pois, segundo lembran, “xa o viñamos advertindo nos últimos meses”. Ademais, engade Gueimunde, non dispor de efectivos nas quedas diurnas e nocturnas constitúe “un auténtico perigo” para os viveirenses.

A totalidade do cadro de persoal presentou a baixa por padecer episodios de ansiedade e depresión. Por tanto, non foi por estar en desacordo coas retribucións, senón a que non se senten dignificados no seu traballo, nin apoiados polo goberno local nas súas queixas e reivindicacións ao respecto “do clima tan tóxico que se está a respirar no corpo por mor das actuacións irracionais ás que se ven sometidos. A situación é de tal gravidade que ata o xefe do servizo tamén causou baixa laboral”, remarca a voceira do PP.

RESPONSABILIDADES POLÍTICAS E DIMISIÓNS

Por todo elo, dende o PP de Viveiro instan, de novo, á alcaldesa a asumir a súa responsabilidade. “Non queremos lamentar un mal maior. Estamos desamparados e desprotexidos”; de aí que consideren que “non é de recibo que aínda non se depurasen responsabilidades políticas e mesmo dimisións no goberno local”.