Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Dez anos do Lugo Sala: “O obxectivo é levar este deporte ao máis alto aquí na cidade”

Por 17 Marzo, 2024Marzo 18th, 2024Sin comentarios

Marcos Pereira asumiu a presidencia dende que naceu o proxecto, cunha escola de 50 nenos no seu primeiro ano de traballo. Agora suman unhas 250 licenzas, pero manteñen a mesma filosofía: “Traballo, traballo e máis traballo e dedicación ao fútbol sala, que é o que nos gusta”.

Lucía Blanco

Unha viaxe en bus. Así comezaba a historia do ADC Lugo Sala no ano 2014, cando uns apaixonados desta disciplina cumprían o seu soño de darlle un novo aire ao deporte na cidade. “Moitos dos que estamos aquí saímos do que era o Prone. Eu estaba no corpo técnico do meu compañeiro Diego Ríos, pero no último ano estaba a marea un pouco revolta e nunha viaxe comenteille a el e algún compañeiro máis que ao rematar a tempada quería montar un club pola miña conta e metémonos todos”, recorda o presidente, Marcos Pereira.

O exdelegado do Prone, que sempre se dedicou a traballar coa canteira, apostou polo proxecto coma un “hobby”, aínda que pronto tivo unha acollida máis que positiva. Comezaron a funcionar en xuño e en setembro xa sumaban uns 50 nenos, cifra que se triplicou o seguinte ano. “Moitos dos adestradores que estaban no Azkar quixeron virse con nós e xa nos demos de conta de que isto ía crecendo e crecendo. E despois de 10 anos aquí seguimos, pasou todo moi rápido, pero tamén hai moito traballo detrás”.

Agora están a punto de cumprir unha década de vida, aniversario que esperan celebrar cunha xuntanza no mes de maio ou xuño. “Estamos planificando que se pode facer, porque temos bastante traballo cada fin de semana e é complicado poder coordinar todo”. Polo momento, a súa camiseta xa loce o escudo conmemorativo que recolle eses 10 anos de historia, nos que comparten as ganas por ofrecer o mellor servizo na súa escola.

Directiva do Lugo Sala.

“É un orgullo poder chegar a onde estamos en tan pouco tempo. Pero o esforzo que levou e está levando está aí, porque hai que facer moitas cousas”. Estar á fronte implica dende falar coas institucións, aínda “moitas veces non estás de acordo como te tratan a nivel de subvencións”, ata manter o contacto cos distintos patrocinadores.

Ao mesmo tempo, precisa compaxinar o labor na entidade coas rutinas profesionais. “Eu son o que máis está tirando disto e non vivo do Lugo Sala, quítame moitas horas e non levo nada a cambio. Pero o orgullo de poder dicir isto levantámolo nós non nolo quita ninguén”, di Pereira. A clave está tamén en rodearse sempre dos mellores profesionais no ámbito deportivo.

“Nós podemos dicir que ninguén nos regalou nada, todo o que temos e o que conseguimos é froito do noso esforzo e do esforzo dos adestradores que son a parte máis importante do club, os que están día a día cos nenos”. Esa dedicación pode explicar que, dende a súa creación, xa pasaran centos de xogadores e xogadoras polo Lugo Sala, que conta actualmente cunhas 250 licenzas, ”entre adestradores, nenos da escola e os do primeiro equipo”.

Ás portas do ascenso

Precisamente, dende fai 6 anos teñen un equipo sénior, que pouco a pouco vai posicionándose no lugar que merece e ao que un gol o freou do ascenso a segunda división a pasada tempada. “Conseguimos algo que facía moitos anos que non se conseguía en Lugo, metemos máis de 1.500 persoas no pavillón municipal. Ver a toda esa xente animando aos rapaces para conseguir a vitoria marcou un antes e despois”.

Un apoio que recorda á época do Prone, cando o fútbol sala lucense estaba en primeira, e que tamén influíu no número de aboados. “Temos preto de 700 persoas aboadas. Superamos o récord do ano anterior que estaba en máis de 400 e esperamos que se ascendemos aínda sexamos máis”. Pero saben que non vai a resultar sinxelo. Levan 24 xornadas de liga e mantéñense líderes, con tan só un empate e unha derrota, polo que xogar o play off está asegurado, aínda que despois deberán enfrontar catro rondas a dobre partido.

“Poden pasar moitas cousas. O ano pasado chegamos tocados, porque coincidiunos a final da Copa Galicia en Noia entre o play off e chegamos cuns xogadores físicamente mermados, perdemos a Diego Núñez, un dos xogadores máis importantes do equipo que rompera o ligamento do xeonllo en febreiro. E aínda así case o conseguimos”.

Agora cos lesionados xa recuperados e cunha selección de xogadores “un pouco máis longa e máis compensada” teñen claro que van seguir pelexando por levar o fútbol sala da cidade a onde se merece: á elite nacional. “Porque o obxectivo do noso club dende case o primeiro ano era intentar levar este deporte ao máis alto aquí en Lugo e seguiremos intentándoo. Estamos no camiño, pero non é fácil”. E farano coa filosofía que mellor os define: “Traballo, traballo e máis traballo e dedicación ao fútbol sala, que é o que nos gusta”.