Skip to main content
O Corgo

O Corgo organiza o primeiro club de lectura do ano o venres 5 de abril

Por 29 Marzo, 2024Sin comentarios

Os amantes da lectura do Corgo teñen unha cita o vindeiro venres 5 de abril no palco do municipio. A partir das 20.00 horas botará a andar o primeiro club de lectura do ano, actividade que conta coa colaboración do Concello. O primeiro libro que lerán os participantes desta xuntanza será Resistencia da autora Rosa Aneiros.

A obra de Aneiros percorre a historia política e social de Portugal, a través da vida de personaxes pertencentes a varias xeracións, desde os anos vinte ata os anos noventa do século XX. Mercé ao relato, a través dunha voz narrativa omnisciente, preferentemente presentada en terceira persoa. Está protagonizada por Dinís e Filipa, personaxes a través dos que se artella un percorrido centrado na represión exercida en Portugal durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano e na actividade da resistencia clandestina antifascista; un pano de fondo fundamental entretecido co relato dun bo número de historias de amor.

É unha novela de amores afastados na que todo o move o amor, que case sempre nace inocente e que axiña se vai tornando complexo é difícil. Unha novela memorable que se move entre a exaltación da resistencia política exercida por algúns personaxes e o amor entendido como algo cruel que converte as persoas en escravas. Novela apaixonante, escrita co ímpeto da vida, difícil de esquecer; Resistencia é, pois, toda unha singradura a través da historia portuguesa da man de dúas familias gobernadas pola escravitude do amor, a morte e o silencio.