Skip to main content
Lugo

Achegarse ao pasado oleiro de Lugo é posible grazas á nova mostra do Vello Cárcere

Por 1 Marzo, 2024Marzo 2nd, 2024Sin comentarios

Comprende unha selección de 250 pezas de cerámicas singulares e de uso cotiá na casa galega, producidas nos centros oleiros de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós

A nova mostra do Vello Cárcere aglutina a riqueza oleira de Lugo a través dunha viaxe polos catro centros ceramistas máis importantes A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, asistiu á inauguración da nova exposición que ocupa por completo o espazo expositivo do Vello Cárcere. Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós amosa, ata o 17 de maio, unha selección de 250 pezas de cerámicas singulares e de uso cotiá na casa galega, producidas nos centros oleiros de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, os catro máis importantes da provincia.

Durante o evento, Cristina López indicou que esta mostra ofrece “unha imaxe da riqueza oleira e do modo de vida de épocas pasadas en Galiza e na nosa provincia”, todo froito dos estudos de Luciano García Alén e do traballo conxunto de coleccionistas, profesionais da arqueoloxía e persoal investigador da USC, aclarou a concelleira. Na exposición, que reflicte as semellanzas e as diferenzas entre as pezas que se fixeron nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo, “valorouse a funcionalidade, antigüidade e decoración das propias cerámicas”, explicou López.

Ademais, inclúe paneis informativos que proporcionan a máxima información a todas aquelas persoas que se achegan a visitar a exposición, “con detalles sobre as tipoloxías, procedencias ou datos máis específicos de tipo etnográfico e arqueolóxico”, indicou a concelleira de Participación. Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós dispón tamén dunha reportaxe fotográfica onde se recollen todos os elementos non musealizables asociados ao oficio de oleiro, como camiños ou fornos, así como fotos das persoas que desempeñaron o oficio.