Skip to main content
Lugo

Abre o prazo para un curso homologado e gratuíto de socorrismo en Lugo

Por 3 Marzo, 2024Sin comentarios

A área de Xuventude pon en marcha unha nova proposta. Trátase dun curso teórico-práctico homologado de socorrismo, totalmente de balde para a mocidade lucense, enmarcado no programa +XTi, cofinanciado polo Ministerio de Sanidade, a través do Plan Nacional sobre Drogas.

A formación habilitará aos participantes para o exercicio desta profesión en instalacións e espazos acuáticos naturais na comunidade autónoma de Galicia. “Terá unha duración total de 120 horas, repartidas en 60 horas de formación online e 60 prácticas” explicou o edil Jorge Bustos. O curso estará dispoñible dende o 15 de marzo, mentres que as sesións prácticas celebraranse ao longo de 14 días (sábados e domingos) de abril e maio das 10.00 ás 14.00 horas, máis 5 sesións de sábado tarde das 16.00 ás 20.00 horas, na piscina municipal climatizada de Frigsa.

En total haberá 25 prazas dispoñibles para lucenses de entre 18 e 28 anos. Para participar será preciso saber nadar e posuír como mínimo o título de graduado na ESO. As inscricións estarán abertas dende as 09.00 horas do día 5 ata o 7 de marzo na páxina web www.lugomasxti.org. A selección dos participantes realizarase por rigorosa orde de entrada das solicitudes ata esgotar as prazas.