Skip to main content
Lugo

O novo auditorio de Magoi abrirase ao público tras un investimento de 310.000 euros

Por 5 Marzo, 2024Marzo 6th, 2024Sin comentarios

Paula Alvarellos e Rubén Arroxo realizaron unha visita para abordar a apertura da nova dotación, pero non concretaron nin datas nin a forma de xestión para levala a cabo

O equipo de Goberno visitou as instalacións do auditorio de Magoi. Esta visita técnica, que estivo precedida dunha reunión de traballo, tivo por obxectivo abordar os pormenores da xestión da nova dotación fronte a súa próxima posta ao dispor da veciñanza. “Trátase dun obxectivo complexo cuxo logro implicou un enorme traballo por parte dos distintos servizos municipais e un considerable investimento municipal para solucionar as máis de 200 deficiencias inventariadas”, sinalou a rexedora.

Superada en gran medida esta fase, están a definir distintos aspectos relacionados coa administración, programación e mantemento do complexo na que é necesario “que varias áreas municipais traballen de forma coordinada”. Pola súa parte, Rubén Arroxo, valorou o traballo que se esta a realizar polas distintas áreas do Concello para lograr que esta dotación entre en funcionamento.

A apertura do novo auditorio de Magoi será posible tras un investimento municipal que supera os 310.000 euros. Entre as intervencións realizadas deuse solución tanto ás patoloxías estruturais exteriores como ás interiores que afectaban ao inmoble. Entre elas atopábanse múltiples danos ocasionados por filtracións nas fachadas, estruturas, carpintería, revestimentos interiores e pavimentos, e que veñen derivadas de defectos construtivos e da falta de mantemento, por parte da Xunta de Galicia, desde que finalizou a execución da obra, en 2016, ata que foi entregado á Administración local.

Labores de impermeabilización

As actuacións comprenderon, así mesmo, a impermeabilización dos respiradeiros e o desatasco dos sumidoiros, canalóns e baixantes; atallouse a corrosión derivada dos defectos que presentan as xuntas de dilatación e arranxáronse, entre outros, as comportas de saídas de fumes que provocaban pingueiras nos escenarios.

A Consellería non permitiu no seu momento incluír todas estas deficiencias na acta de recepción do auditorio, aínda que o Concello de Lugo remitiunas posteriormente ao Goberno autonómico para que devanditos incumprimentos contractuais e vicios contrutivos constasen de forma oficial fronte a calquera posible reclamación que se poida levar a cabo no futuro por parte da Administración local.