Skip to main content
Lugo

Relatorios sobre as implicacións da muller na música, no teatro ou no deporte compoñen a axenda do Campus de Lugo no 8M

Por 5 Marzo, 2024Marzo 6th, 2024Sin comentarios

“Investir nas mulleres: acelerar o progreso” é o lema baixo o que a Organización das Nacións Unidas conmemora en 2024 o Día Internacional das Mulleres que cada ano se desenvolve o 8 de marzo. Co gallo desta xornada a prol da igualdade, a USC deseñou unha axenda de actividades coas que outorgar visibilidade a estas reivindicacións no campus de Lugo. A artista e cantautora galega María Xosé Silvar, Sés, ofrece este mércores 6 de marzo, a partir das 19.00 horas, no salón de actos Profesora Ana Goy Diz da Facultade de Humanidades, o relatorio Feminidade e industria musical.

A palestra é de acceso libre, de balde e aberta á participación de todo o público interesado. Alén dos actos centrais, os centros organizan múltiples actividades ao longo dos vindeiros días co gallo desta xornada reivindicativa. A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría acollerá o xoves 7, ás 13.00 horas, a entrega dos premios Enxeñaría e Muller Rural.

Ese mesmo día, ás 11.00 horas, Administración e Dirección de Empresas será o escenario no que se desenvolva a conferencia Dificultades e retos de emprender en feminino, a cargo de Noa Piñeiro López, directora de Estudio BO. Humanidades acollerá no mesmo día día e horario o relatorio A plasticidade da organizacion familiar, caboverdiana e das relacións de xénero nun contexto migratorio entre Santiago e Galicia de Luzia Oca González.

A pegada feminina no teatro e no deporte

A continuación e a partir das 12.15 horas, Antonella Sturla abordará nesta mesma facultade Dende as marxes: teatro, mulleres e poder. Omisións, narracións e revolucións na escritura doutra historia do teatro. Unha mesa redonda integrada por deportistas profesionais que presentarán a súa visión sobre as implicacións de ser muller na súa carreira profesional será o acto central da Facultade de Ciencias. A sesión que ten lugar o día 8, a partir das 10.00 horas, conta coa colaboración de egresadas da Facultade de Ciencias que desenvolven a súa actividade laboral axudando e asesorando mulleres deportistas dende o ámbito da nutrición e da promoción da actividade física.

O coloquio Mulleres bravas, defensoras da terra en Galicia e Honduras terá lugar o 11 de marzo ás 12.00 horas, na EPS de Enxeñaría. Este centro tamén acollerá o 14 de marzo, á mesma hora, o inicio do II Foro de Enxeñeiras. Esta é unha xornada formativa enfocada ao intercambio de experiencias e de coñecementos técnicos, na que se lles dará a palabra a relatoras de diversas áreas profesionais da enxeñería. Esta actividade resalta o papel fundamental das mulleres na industria e dálles un espazo de debate e de exposición de ideas para conectar cun público na súa maioría en proceso de formación.