Skip to main content
Lugo

Lugo inaugura unha xornada sobre o marco xurídico aplicable ás mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero

Por 5 Marzo, 2024Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inaugurou no salón de actos da Axencia Tributaria a xornada formativa sobre o marco xurídico aplicable ás mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero. Esta iniciativa forma parte do programa de actos que a Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación organiza con motivo do 8 de marzo.

Rodríguez comezou a súa intervención afirmando que “a igualdade é inherente á democracia”, e mencionou o lema elixido para este ano por parte das Nacións Unidas: Investir nas mulleres: acelerar o progreso. “O compromiso do Goberno é firme, sabemos que é un dos maiores desafíos da actualidade e que a discriminación e violencia contra as mulleres é un fenómeno estrutural e sistémico, polo que é fundamental recoñecer as múltiples formas nas que se manifesta e como se entrelaza con outras desigualdades de xeito interseccional”.

A subdelegada subliñou que nun mundo cada vez máis globalizado, “onde están a aumentar moito os fluxos migratorios, desde as administración debemos ter capacidade de resposta para facer fronte a esta situación flutuante”. Recordou que o Goberno destinou a Galicia preto de 70 millóns de euros para financiar accións de prevención e loita contra as violencias machistas, “multiplicándose case por tres os recursos dispoñibles nos últimos catro anos”. Ademais, remarcou que no último ano, os concellos de Lugo recibiron “máis de 223.000 euros para este tipo de accións”.

Dotar máis recursos

Neste senso, a subdelegada do Goberno incidiu en que a forma de reducir as cifras de vítimas de violencia de xénero é aumentando as cifras económicas para a dotación de recursos, para ampliar e mellorar a rede de protección e, sobre todo, para traballar na prevención e erradicación desta violencia. A xornada contou coa intervención da Xefa Dependencia Provincial de Traballo e Inmigración, Elba Rivas, e a Xefa da Oficina de Estranxeiría de Lugo, Montserrat Vidal.

A formación estivo dirixida a persoas que traballan con mulleres, como son os e as profesionais dos Centros de Información á Muller (CIMs), servizos sociais, concellos, asociacións de vítimas de violencia de xénero ou avogadas e avogados, entre outros.