Skip to main content
Lugo

Inaugúrase en Lugo a primeira mostra de Barbie que combina o cine e a moda a través de 180 edicións limitadas

Por 6 Marzo, 2024Sin comentarios

Dende este mércores ata o vindeiro 1 de maio, o MIHL reunirá máis de 180 edicións limitadas da boneca máis recoñecida no mundo. Barbie: Cine e moda é a primeira exposición en todo o estado dirixida ao mundo do cine e a moda, combinando cultura, historia e diversión para todos os públicos. As persoas asistentes poderán observar a evolución do xoguete no tempo a través dos principais títulos da historia do cine, con todas as edicións documentadas e datadas, “nalgúns casos de 25.000 exemplares e noutros de tan só 999 en todo o planeta”, destacou a concelleira Maite Ferreiro.

Todas elas estarán expostas en urnas de metacrilato e acompañadas de máis de 40 carteis de películas que completarán o espazo. Na mostra destaca a vestimenta e as roupas das bonecas. Desde a súa creación Barbie foi vestida polos grandes deseñadores e deseñadoras de moda de todos os tempos: Armani, Versace, Pertegaz, Óscar de la Renta, Christian Dior e moitas máis. De feito, ademais de poder contemplar algúns destes modelos no MIHL, a exposición conta cun deseño realizado por Lorenzo Caprile en exclusiva para Barbie: Cine e moda.

A vestimenta de Barbie, amosa “os cambios culturais e sociais dende o seu comezo, tamén no mundo do cinema, con vestimentas máis tradicionais, ata deseños contemporáneos”, engade Ferreiro. Esta tendencia converteu á boneca en indicador visual das tendencias e valores de cada época. Así, a evolución da vestimenta de Barbie non só persigue as tendencias da moda, “senón que tamén reflicte cambios máis amplos na percepción da identidade”, conclúe a concelleira.