Skip to main content
Lugo

O bus urbano consolídase en Lugo: xaneiro rexistra 182.518 usuarios

Por 7 Marzo, 2024Sin comentarios

En Lugo o transporte público estase a consolidar entre os veciños. Así o confirma o tenente alcalde e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, apoiándose nos datos de usuarios dos primeiros meses de 2024 que “están a colocarse como os mellores xaneiro e febreiro desde que se rexistran os datos de usuarios do transporte público municipal”. Este aumento de usuarios demostra que a reformulación das liñas “está a facer que máis persoas aposten por deixar o coche na casa e desprazarse por Lugo utilizando o bus”.

O mes de xaneiro de 2024 contou con 182.518 usuarios, sendo só superado polo mes de xaneiro de 2019, mentres que febreiro, con 180.072 usuarios, é o mellor febreiro desde que se toman datos, e sobe en máis de 31.000 a marca de 2023, cando se rexistraron 148.736. O bus urbano pasou pola maior transformación das últimas décadas, cunha renovación total do servizo aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación municipal, que permitiu mellorar as conexións da veciñanza coas distintas zonas da cidade.

Coas novas liñas, o HULA gañou conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo antigo non tiñan transporte directo. As transformación do modelo de bus urbano conectou de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. Os barrios aumentaron as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta a  30 minutos de frecuencia.

Nos polígonos do CEAO e das Gándaras aumentáronse tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla.

Lugo, a cidade galega co bus máis barato
En canto aos prezos, Lugo ten “o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado”, explicou Rubén Arroxo. Un importe que se reduce ata nun 50 % coa Tarxeta Cidadá, coa que xa contan unhas 30.000 persoas.

Coa tarxeta, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64 euros a 0.45 euros, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31 euros para persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións. Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,0 euros€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5 euros, cun máximo de 60 euros.