Skip to main content
Lugo

Continúa no MIHL o programa para achegar aos máis pequenos ao mundo da lectura

Por 7 Marzo, 2024Sin comentarios

Continúan as actividades de animación á lectura organizadas pola área de Cultura e dirixidas ás nenas e nenos de Lugo, a través das que se pretende achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero. A área de Cultura utiliza o MIHL para estas actividades, “promocionando tamén esta instalación, as súas exposicións e a súa singularidade”, explicou a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.

Trátase dunha serie de propostas que contan “sempre cunha gran participación por parte do público, achegándose cada ano máis de 800 nenas e nenos nos distintos ciclos de programación”, engadiu. O programa divídese en catro trimestres, realizándose unhas 20 actividades ao longo do ano. Cada unha delas, está adaptada para as distintas idades das nenas e nenos participantes, achegando actividades de lecer para nenos desde 1 ano ata os 12 de xeito totalmente gratuíto para as familias. Entre as últimas propostas, organízase o espectáculo Lúa, de Teatro Ghazafellos:

Da man desta peza, percorrerase o mundo dos maiores cos ollos da infancia, descubrindo así a importancia da tolerancia e de abrir as fronteiras no país das pernas e o país dos brazos. Tamén se aprenderá a compartir no país da choiva; a levantar a vista e apreciar o mundo que nos rodea no país dos espellos; a vivir en paz e non usar a violencia no país da guerra… As entradas para os espectáculos poden retirarse de xeito gratuíto a través do portal entradaslugo.es. Cada espectáculo conta cun aforo de 70 persoas, permitíndose o acompañamento dun adulto.