Skip to main content
Lugo

A loita feminista toma as rúas de Lugo nun 8M pasado por auga: “Menos discursos e máis recursos”

Por 8 Marzo, 2024Marzo 10th, 2024Sin comentarios

“Menos discursos e máis recursos” ou “Pode chover, pode escampar a nosa loita nunca vai parar”. Estas foron algunhas das reivindicacións coas que Lugo tomou as rúas nunha convocatoria aberta e sen exclusións para conmemorar o Día Internacional da Muller. As choivas non puideron frear a concentración, organizada pola Plataforma Feminista de Lugo baixo o lema “Contra a cultura machista, educación feminista”, que pon o broche de ouro aos actos reivindicativos que tiñan como demandas a educación para lograr a igualdade e a xustiza social.

O acto, que tivo como punto de partida o edificio multiusos da Xunta de Galicia a partir das 20.00 horas, transita pola Rolda da Muralla e finaliza na praza de Santa María. A escritora e poeta lucense Marica Campo, a traballadora do sector da limpeza Chus Antas e a feminista internacionalista Estrela Ramil son as encargadas da lectura do Manifesto,

Posteriormente, despedirase a xornada cunha pinchada a cargo da DJ lucense, Tonita DJ. A temática deste ano baséase “na enorme importancia da educación para rematar coas desigualdades e as violencias machistas, na procura dun mundo máis xusto e igualitario”, explican dende o colectivo. Esta proposta súmase ao resto de iniciativas que están a desenvolver por parte do colectivo como a  Segunda Asamblea Aberta, organizada o sábado 24 de febreiro no centro Madia Leva, na rúa Serra dos Ancares.