Skip to main content
Lugo

Lugo destina 255.000 euros para modernizar os equipos de intervención dos bombeiros

Por 7 Marzo, 2024Sin comentarios

O Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Lugo (SPEIS) estrea os novos traxes e equipos de intervención específicos que o Executivo municipal vén de incorporar. Durante o encontro con efectivos deste corpo, no que a rexedora Paula Alvarellos estivo acompañada polo sarxento xefe do servizo, Miguel López, subliñou que  o Concello seguirá “dotando de material e formando aos bombeiros para facilitar o seu traballo diario e preparalos para afrontar situacións de emerxencia”.

O Goberno local destinou unha partida de máis de 255.000 euros no equipamento, polo que están seguros de que esta modernización repercutirá nunha mellora da seguridade dos traballadores e nunha operatividade máis áxil, o que se vai traducir “nunha redución dos tempos de atención a cidadanía en caso de emerxencia”. Como a profesión de bombeiro ten un claro carácter multidisciplinar, preténdese equipar aos traballadores con traxes específicos que cumpran as diferentes normativas de aplicación en función do tipo de traballo a realizar.

A iniciativa inclúe a dotación para todo o persoal de traxes de intervención para incendios de tipo estrutural, cuxa tecnoloxía conta con tecidos especiais que garanten unha maior resistencia e protección térmica, mecánica e química. Tamén se dotan de  traxes de rescate técnico de alta visibilidade, cuxa lixeireza, ergonomía e visibilidade fainos idóneos para aquelas intervencións que impliquen salvamento en accidentes de tráfico, traballos de rescate en altura e mesmo incendios de vexetación de interface urbano forestal; traxes especiais de auga e vadeadores e material específico de rescate acuático, que inclúe traxes húmidos, chalecos e liñas de rescate, cascos, aletas e botas especiais para levar a cabo intervencións de salvamento en río.

Pola súa parte, Miguel López explicou que, ademais dos equipos de nova incorporación, o SPEIS xa dispón na actualidade doutros equipos específicos como os destinados ao corte con motoserra, emerxencias con mercadorías perigosas ou a retirada de niños de vespa Velutina en casos de urxente necesidade.