Skip to main content
Lugo

O campionato de carrilanas volve ao barrio de San Lázaro este sábado

Por 9 Marzo, 2024Marzo 10th, 2024Sin comentarios

Esta fin de semana comezan as festas do barrio de San Lázaro, na que o campionato de carrilanas, organizado pola Asociación de Veciños Ponte Romana baixo a certificación da Federación Española de Deportes de Inercia, volverá a ser un dos grandes protagonistas. A programación comeza este sábado ás 12.00 horas con sesión vermú e degustación de pizza. Xa pola tarde, terá lugar I Descenso de carrilanas Barrio da Ponte, cuxos premios se entregarán no campo da festa a partir das 21.00 horas.

Debido á cita, que conta coa colaboración da Concellería de Xuventude e Deportes, están programados cortes puntuais e cambios nos itinerarios de tráfico nesta contorna. Deste xeito, a rúa Doutor Iglesias Otero, Pontegaos, a Estrada Vella de Santiago e o paseo Álvaro Cunqueiro estarán afectados pola organización e desenvolvemento da proba desde as 9.oo horas ata as 21.oo horas. Ademais, o acceso á rúa Fermín Rivera permanecerá habilitado pola Ponte Nova, xa que o acceso pola Estrada Vella de Santiago a través da Ponte Blanca permanecerá cortado durante este horario por mor da competición.

Pregón e verbena

A verbena comezará ás 22.00 da man do Dj Sonic e da orquestra París de Noia que fará a presentación da súa nova xira. O domingo, a partir das 11.30 horas, poderase gozar do Mercado Primaveira e dunha exposición de Motos Clásicas e sesión vermú. Os máis pequenos poderán gozar de atraccións no campo da festa. Dositeo Racamonde dará este ano o pregón, que terá lugar o 15 de marzo ás 21.30 horas. Nesta xornada tamén se poderá gozar dunha gran churrascada e da actuación do grupo musical La hora Bruja a partir das 23.00 horas. O sábado 16 de marzo organizarase a primeira Feira de Maquinaria agrícola e industrial A Ponte, á que seguirá unha sesión vermú ameniza polo grupo Alba.

Xa pola noite, actuará a orquestra Panama Band a partir das 22.30 e a partir das 23.30 celebrase unha Festa Reggaeton e Electrocalino antigo co Dj lucense Iván Fanego. Na última xornada, o domingo 17, haberá misa, sesión vermú e tardeo con Javi Show, atraccións no campo da festa e clausurarase a primeira Feira de Maquinaria agrícola e industrial A Ponte ás 19.00 horas co sorteo dun tractor infantil.