Skip to main content
Lugo

De Frida Kahlo a Maruja Mallo: Ana María Rodríguez reivindica coa pintura os dereitos das mulleres

Por 8 Marzo, 2024Sin comentarios

Lugo inaugura a mostra Mulleres, unha selección de 59 retratos pintados pola autora durante máis de vinte anos, que poderá visitarse ata o 27 de marzo

A  pintora lucense Ana María Rodríguez, Anamá, inaugura a exposición Mulleres co gallo dos actos organizados con motivo do 8-M. Trátase dunha selección de 59 retratos femininos, realizados coa técnica de acrílico sobre lenzo, que foron pintados pola autora durante máis de vinte anos de traxectoria, pertencentes a diferentes series e con variedade de estilos.

Na mostra comparten espazo mulleres anónimas con outras que teñen biografías destacadas, algunhas delas moi significadas na loita a prol dos dereito das mulleres. Así, entre as retratadas están Frida Kahlo, Malala Yousafzai, Rigoberta Menchú, Clara Campoamor ou Maruja Mallo; xunto con figuras femininas anónimas que representan a cidadás de diferentes lugares do mundo.

Tamén están presentes as lucenses, nunha serie protagonizada por rostros da cidade; e hai unha lembranza especial para as mulleres que sofren por mor da guerra en Ucraína. A Delegación Territorial da Xunta abriu a exposición de María Rodríguez, que xa ten participado en varias exposicións individuais e colectivas co seu traballo dedicado ás mulleres. A mostra na Delegación Territorial poderá visitarse ata o 27 de marzo.