Skip to main content
Lugo

Lugo homenaxea ás mulleres referentes no ámbito científico e investigador

Por 9 Marzo, 2024Sin comentarios

A programación do 8M continúa cunha exposición para visibilizar o traballo das científicas, co Feminist Fest e con actuacións de maxia e teatro pola igualdade

Este venres fíxose entrega, con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, dos galardóns Entre Mulleres, premio co que o Concello de Lugo quere visibilizar as achegas das mulleres lucenses en todos os eidos da nosa sociedade en prol da igualdade. As premiadas nesta XXI edición foron catro referentes no ámbito científico e investigador: Rosa Romero Franco, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría; Esperanza Álvarez Rodríguez, Catedrática de Universidade do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola; Cintia Folgueira Cobos, membro do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC); e Alba Díaz Geada, membro da Área de Historia Contemporánea da USC no Campus de Lugo.

Paula Alvarellos destacou durante a súa intervención que a contribución das investigadoras como “indispensable para impulsar o progreso científico, tecnolóxico e social, pero ademais, a súa traxectoria constitúe, en si mesma, o mellor exemplo de que, só a través da implicación de todos e todas, é posible acadar unha igualdade real e efectiva”.

A rexedora reivindicou a importancia de recoñecer e celebrar os logros das mulleres investigadoras, non só no 8M, senón todos os días do ano. “Ao apoiar e promover a igualdade de xénero na investigación, non só estamos a fortalecer as nosas comunidades científicas, senón que estamos a construír unha sociedade máis xusta”, engadiu. Alvarellos finalizou a súa intervención dedicando unhas palabras de agarimo ás galadornadas. “Os seus logros son unha testemuña do seu talento, dedicación e perseveranza, e estou segura de que o seu legado continuará inspirando ás xeracións futuras”, dixo.

Mostra itinerante, Feminist Fest e maxia

Tamén como parte do programa do 8M, a Casa da Muller presenta unha exposición itinerante baixo o título ‘De meniña a científica. Nin rosa nin azul, materia gris’, que visibiliza o camiño, non exento de dificultades, que as mulleres científicas deben percorrer para que o seu traballo sexa recoñecido e valorado na súa xusta medida.  Esta exposición poderá visitarse do 5 ao 10 de marzo, na Praza Maior; do 11 ao 17 de marzo, na Praza de Augas Férreas; do 18 ao 24 de marzo, na Praza da Milagrosa; e do 25 ao 31 de marzo, na Praza do Castiñeiro.

Ademais, este sábado, a partir das 18.00 horas celébrase na Praza da Mosqueira o Feminist Fest coa participación do grupo de pandereteiras A Volta do Agro, grupo creado en Lugo no ano 1995 composto por mozos e mozas da provincia. Tamén actúan Nebra, proxecto inspirado na música tradicional galega das cantareiras en combinación con sons de electrónica, baixo eléctrico e percusión, e The Tetas’ Van, banda creada en 2011 co obxectivo de divertir transmitindo e reivindicando o feminismo; así como de Yaya DJ, artista que mestura temas de onte e de hoxe.

Por outra banda, tamén haberá actuacións de teatro e maxia para a igualdade, dirixidas ao público infantil e familiar, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. As sesións están programadas os martes de marzo a partir das 18.00 horas. A primeira, baixo o título Somos iguais na maxia celebrouse o día 5, no centro de convivencia Maruja Mallo da man de Elisa e Ian; a segunda Asdomare, interpretada por Vero Rilo e Sonsoles Penadique, será no auditorio do Vello Cárcere, o día 12; e, finalmente, o 19 de marzo o MIHL acollerá a sesión Cinema de historias da man de Alice Guy, a nai do cine, da artista Raquel Queizás.