Skip to main content
Lugo

Adega organiza unha ruta polas turbeiras do Xistral

Por 11 Marzo, 2024Sin comentarios

O vindeiro domingo 17 de marzo, continuando co programa As montañas gardiás da nosa historia, ADEGA-Lugo organiza unha ruta polas turbeiras do Xistral. O percorrido é lineal duns 11 quilómetros e dificultade media e contará coa participación de Xabier Pontevedra Pombal, e Rafael Carballeira, expertos coñecedores das turbeiras.

O autobús deixará aos participantes no alto de Chao do Lamoso, para camiñar o cordal central da Serra do Xistral onde se desenvolve o núcleo principal das turbeiras de cobertor. A disposición da serra permitirá observar cara o oeste ata a depresión de As Pontes, cara o este ata a costa cantábrica, cara o sur a depresión da Terra Chá e cara o norte a costa de Viveiro. Poderase ver usos e abusos do territorio e os dous grandes dominios litolóxicos e as súas paisaxes asociadas. Despois baixarase polo val do río Pedrido e poderase falar sobre regulación hídrica e impactos, así como das paisaxes glaciares do Xistral.

Nesta xornada tamén se realizará unha visita a unha turbeira elevada e rematará o itinerario en Veiga do Tremoal, unha turbeira minerotrófica de alveolo granítico mesturada con queirogal húmido atlántico, onde tamén se poderá debater sobre impactos vellos e novos. Neste punto o autobús aos participantes para o regreso.

As condicións meteorolóxicas do Xistral son algo impredicibles así que, en caso necesario, axustarase a actividade. O autobús sairá ás 9.00 horas dende Lugo, e estará de volta ás 19.00 horas, aínda que o horario de regreso pode variar. Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

Deste xeito, ten un custo duns 22 euros para público xeral, 15 para os socios, 17 para os estudantes ou as persoas en paro e 6 euros para os menores ata 15 anos. O prezo inclúe o autobús e seguro de accidentes. Para participar é necesario inscribirse antes do venres 15 ás 13.00 horas a través do formulario de reserva da bitácora das rutas ou chamando ao 982 240 299.