Skip to main content
Lugo

O Campus Terra crea a partir de quitosano novos materiais sostibles para uso alimentario

Por 19 Marzo, 2024Sin comentarios

Persoal investigador da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC desenvolve novos materiais sostibles e biodegradables para uso alimentario a base de quitosano que se antollan como alternativas respectuosas co medio ambiente aos actuais separadores dos liscos de queixo ou dos envoltorios plásticos das porcións de manteiga. A creación e caracterización destas películas, tal e como se denominan estes materiais ou compostos aptos para industria alimentaria, centra a tese de doutoramento desenvolvida pola graduada en Nutrición Humana e Dietética María Flórez Mora baixo a dirección de Manuel Vázquez Vázquez e Patricia Cazón.

Alén da creación destes novo tipo de envoltorios alimentarios, a autora de Desenvolvemento de películas compostas respectuosas co medio ambiente a base de quitosano, que deu pé a cinco artigos recollidos en revistas de impacto internacional, enriqueceu tamén os compostos obtidos con diversos extractos naturais que os converten en envases activos con capacidade antioxidante. Na súa tese, a asturiana María Flórez Mora, afonda asemade nas posibilidades da economía circular, dado que propón solucións para aproveitar os residuos de crustáceos e mariscos, que son os que conteñen o quitosano, para elaborar produtos sostibles e aptos para a industria alimentaria.

Daquela, nun primeiro momento, Flórez Mora estudou o proceso de extracción de compostos activos da folla das ortigas, para logo avaliar técnicas, disolventes e tempos de extracción, a fin de optimizar a capacidade antioxidante do extracto desta planta e tamén para contrastar que o extracto acuoso das follas de ortiga constitúe un importante antioxidante natural. A partir destes resultados preliminares e logo da aplicación de modelos matemáticos, determinou que as condicións idóneas para a obtención do extracto de ortiga con maior capacidade antioxidante requiren de tratamento por ultrasón e uso de auga como disolvente durante un período de 3 horas.

O seguinte proceso recollido na investigación consiste na adición do extracto acuoso de ortiga en disolucións de quitosano, a fin de crear unha película activa, da que ademais caracterizou parámetros relativos ao seu nivel de solubilidade, humidade de equilibrio, permeabilidade ao vapor de auga, propiedades espectrais, antioxidantes e microestrutura. O extracto de ortiga mostrou un efecto significativo nas propiedades analizadas, obtendo unha película con gran capacidade antioxidante, cuxo uso se testou como separador activo de liscos de queixo tipo Havarti ao longo de 45 días.