Skip to main content
Lugo

O BNG reactiva a plataforma Lugo Quere Tren para mellorar os servizos ferroviarios

Por 12 Marzo, 2024Sin comentarios

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG retomará as actividades da plataforma Lugo Quere Tren ante o “desastre na execución das melloras dos servizos ferroviarios de Lugo”. Arroxo afirmou que as melloras nas infraestruturas estanse executando grazas aos distintos acordos de investidura que conseguiu o BNG en Madrid, “mais agora estamos vendo como a mellora nos viais non se está a acompañar con melloras nos servizos”.

A formación política critica que a cidade continúe con menos servizos que antes do inicio da pandemia, cando se eliminaron servizos como o tren nocturno de Lugo a Barcelona. Este martes, RENFE deixou de vender billetes para a conexión diúrna entre Lugo e Barcelona, dado que a conexión necesaria en Monforte sae ás 9.52 da mañá, pero o tren de Lugo a Monforte chega ás 9.54. A viaxe entre Lugo e León, uns 200 quilómetros de vía, eliminouse, facendo que a propia web de RENFE propoña facer transbordo en Madrid, converténdoa nunha viaxe de 800 quilómetros, e eliminando as conexións con Cataluña e Euskadi.

Sobre as conexións dentro da comunidade, Lugo é a única cidade que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo desde Lugo a Compostela.

Para o BNG, Galicia sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos goberno do PP como do PSOE en materia ferroviaria, o que se traduce nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos. Arroxo afirmou que a chegada do AVE a Galiza, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do Estado, “só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.