Skip to main content
Lugo

Unha xornada divulgativa e unha mostra sobre a endometriose visibilizan a doenza en Lugo

Por 13 Marzo, 2024Marzo 14th, 2024Sin comentarios

Marzo é o mes da endometriose. E un ano máis a asociación querENDO Mulleres con endometriose segue comprometida coa divulgación desta doenza que, aínda que se calcula que afecta a un 10  % das mulleres en idade fértil, unhas 60.000 galegas, segue a ser unha descoñecida.

Por iso, o próximo sábado 16 de marzo celebrarase unha xornada divulgativa aberta a toda a cidadanía na Deputación de Lugo na que se impartirán unha charla sobre os avances no tratamento, a cargo do facultativo Jorge Alonso Rodríguez a partir das 10.30 horas e outra sobre fisioterapia nas mulleres con endometriose da man da fisioterapeuta especialista en solo pelviano, Sara Iglesias Sánchez.

Ao rematar, haberá unha concentración a partir das 13.30 horas na Praza Maior. Xa pola tarde, a partir das 17.30 horas, inaugurarase a exposición fotográfica Olladas á endometriose, que se poderá visitar ata o 19 de abril na Galería Solaina. Esta exposición está creada polo Colectivo TecENDO, formado polas artistas visuais Ainara Díaz Cots, Neves Seara e Verónica Ramilo.

Ademais, colaboran con querENDO para visibilizar a endometriose no seu mes os catro colexios de farmacéuticos de Galicia, que imprimen e reparten dípticos informativos sobre a doenza en todas as farmacias galegas. Tamén prestan a súa axuda para que se coñeza mellor esta enfermidade as bibliotecas públicas de toda Galicia, que crearon estes días un recuncho con libros sobre endometriose e a saúde da muller para conmemorar o 14 de marzo.