Skip to main content
Lugo

O BNG defende un sistema ferroviario galego que “acabe co abandono de Lugo”

Por 13 Marzo, 2024Sin comentarios

O BNG defenderá nas distintas institucións a posta en marcha dun sistema ferroviario galego “que vertebre o país, e que acabe co abandono de Lugo en materia ferroviaria”. Así o trasladou o portavoz do BNG en Lugo, acompañado pola deputada no Parlamento Galego Olalla Rodil e por Efrén Castro, portavoz do BNG e Vicepresidente da Deputación de Lugo. Trátase dunhas petición coas que reclaman “á Xunta de Galiza que se implique nas melloras da situación ferroviaria de Galiza e de Lugo”.

Arroxo afirmou que a cidade e a provincia Lugo teñen que “deixar de estar marxinada en materia de infraestruturas ferroviarias, é preciso poñer a Lugo no mapa e comunicar ás nosas veciñas e veciños”. Unha infraestrutura anticuada e fallos constantes son a realidade ferroviaria actual en Lugo. Por este motivo, o BNG defenderá nas distintas institucións que a Xunta “se implique na xestión, do mesmo xeito que fan os gobernos de outras zonas do estado”.

Os nacionalistas propoñen crear un ente que promova e xestione o tren de proximidade galego co obxectivo de enlazar os principais núcleos de poboación arredor das cidades e conectar entre si as cidades que carecen na actualidade deste servizo, como Lugo e Compostela. Para a formación política, Galicia sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE en materia ferroviaria.

Para eles isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos. A chegada do AVE á comunidade, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do Estado, “só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela, concluíu Arroxo.