Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo propón recuperar o espazo infantil e o servizo de compra online da Praza de Abastos

Por 15 Marzo, 2024Sin comentarios

O PP presenta un rogo a pleno para impulsar a actividade na Praza de Abastos de Lugo buscando solucións que melloren as condicións para comerciantes e clientes. Deste xeito, piden o arranxo de deficiencias e propoñen recuperar o espazo infantil e o servizo de compra online. Así o trasladaron na súa visita ao Mercado de Quiroga Ballesteros os concelleiros populares, na que detectaron unha falta de mantemento.

Entre as deficiencias sinalan a rampla de acceso lateral “inutilizada” para subir mercadorías e “sen data de arranxo”, óxido en cámaras de frío, desperfectos no chan en corredores e entrada, desconchados na pintura de paredes e teitos por humidades e a máquina con información municipal que non funciona. Os populares indican que a pesar dos investimentos que se fixeron para recuperar o mercado,  o recinto “segue sen despegar”, situación que achacan á falta de servizos hoxe esenciais.

Entre eles, destacan a posibilidade de facer compra online ou informarse dos postos e produtos da praza, “porque a web está sen actualizar dende xaneiro de 2022 e había un compromiso de que se renovaría no primeiro trimestre de 2024”. Neste sentido, denuncian unha falta de espazos infantís para deixar aos meniños e meniñas mentres se fai a compra. “Existe un local habilitado e rotulado que leva anos pechado e emprégase como almacén”.

Por outra banda, os populares destacan a “carga financeira inesperada e significativa” para os praceiros estes días, que están “molestos porque se ven vítimas da improvisación da xestión do Goberno local, xa que veñen de pasarlles xuntas as facturas de auga, lixo e sumidoiros de cinco meses”.