Skip to main content
Lugo

A Deputación apoia con 18.000 euros á Federación Lucus Augusti no Día do Veciño

Por 15 Marzo, 2024Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos co presidente da Federación de Asociación de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega ao colectivo 18.000 euros para a celebración do Día do Veciño deste ano.

No acto de sinatura, que contou cunha nutrida representación de veciños, o presidente destacou o compromiso da Deputación co movemento veciñal, que aglutina a 300 asociacións e máis de 20.000 socios na provincia, “un dos principais eixos de desenvolvemento e vertebración da provincia”. O mandatario provincial subliñou a importancia de fortalecer os lazos entre as administracións e o tecido asociativo para continuar promovendo o benestar e a calidade de vida da veciñanza.

Pola súa banda, o presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti agradeceu a colaboración da Deputación coa que poden “seguir adiante con este tipo de citas tan importantes como o Día do Veciño, unha xornada de festa e reivindicacións veciñais que reúne a 4.000 persoas cada ano en Lugo”.

A federación veciñal non fixou aínda a data oficial para o Día do Veciño 2024, que contará como en todas as edicións con actividades culturais, musicais e de convivencia, así como a entrega dos premios V de Veciño cos que a entidade homenaxea e recoñece o labor a prol da dinamización e promoción da provincia.