Skip to main content
Lugo

O alumnado do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo ofrece unha mostra de contemporáneo

Por 18 Marzo, 2024Sin comentarios

Este martes ponse en marcha a nova programación do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo coa que o centro amosará o seu traballo no Gustavo Freire. Deste xeito, as distintas agrupacións actuarán no auditorio municipal para dar continuidade ás actividades que se programan anualmente a través do ciclo Lugo en Danza.

A partir das 20.30 horas, o auditorio municipal acolle unha mostra de Danza Contemporánea. Toda a veciñanza de Lugo poderá asistir á gala protagonizada por alumnas e alumnos do CDAN de Lugo de xeito gratuíto, retirando a entrada previamente no portal entradaslugo.es.

Estas galas e outros eventos públicos abertos á cidadanía, que mostran a danza e as artes do movemento en diferentes formas, “teñen un enorme interese cultural e educativo para a cidade, fomentando deste xeito a difusión do coñecemento das artes do movemento”, explicou a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, que presentou o programa xunto co tenente alcalde, Rubén Arroxo.

Desde a área de Cultura confían en que a danza ten unha importancia e relevancia, polo que son “múltiples as programacións e propostas arredor da danza que organizamos ou coas que colaboramos cada ano”, engadiu Ferreiro. A concelleira quixo poñer en valor o feito de que en Lugo está “o único Conservatorio Profesional de Danza da Galiza, polo que parece axeitado seguir apostando por darlle visibilidade a un centro e ensinanzas que axudan a conseguir habilidades e capacidades artísticas e a dar a coñecer diferentes vertentes desta arte”, concluíu.