Skip to main content
Lugo

As xornadas sobre patrimonio arqueolóxico do Museo de Lugo centraranse nas villae na Gallaecia

Por 19 Marzo, 2024Sin comentarios

As modificacións da paisaxe agraria na Gallaecia serán o tema que centrarán as VII Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrarán os días 5 e 6 de abril Pazo de Marcos baixo o título As villae na Gallaecia. Establecementos agrícolas-señoriais de época romana.

A deputada de Cultura Iria Castro presentou o programa e as actividades que se levarán a cabo durante estas xornadas xunto á directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro, o doutor en prehistoria Eduardo Ramil – ambos coordinadores desta edición -, e Ofelia Carnero e Enrique Alcorta, do departamento de Arqueoloxía do Museo e membros do comité científico.

Tras a conquista romana, a paisaxe agraria da Gallaecia sufriu importantes modificacións coa instalación dun novo sistema de explotación do territorio, dentro do cal as villae constitúen o seu elemento máis xenuíno.  Trátase de instalacións que adoitaban aglutinar edificacións dedicadas ao aproveitamento, transformacións e almacenaxe de diferentes productos, así como a área residencial.

Na provincia de Lugo, coñécense un bo número de establecementos que se identificaron como villae como as de O Campón (Burela), Area (Viveiro), Roupar (Xermade), Doncide (Pol), Coea (Castro de Rei), Agro de Parapar (Nadela), San Vicente de Castillón (Pantón), Vilar de Sarria (Sarria), A Grade (Chantada) ou Proendos (Sober).

As xornadas divulgarán investigacións, intervencións arqueolóxicas e proxectos de socialización que se levaron a cabo en Galiza, Asturias, León ou Valladolid en relación coas villae, contribuíndo a un maior coñecemento destes restos romanos e promovendo unha reflexión xeral sobre a necesidade e a xustificación das actuacións arqueolóxicas. A participación na xornada require inscrición previa a través do formulario dispoñible na web  www.comunidadermpl.gal. O prazo está aberto ata o 4 de abril. A asistencia pode ser presencial -ofrecénse 130 prazas – ou en liña.