Skip to main content
Lugo

Lugo opta a dous obradoiros cos que pretende xerar 42 novos empregos

Por 20 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello de Lugo opta a dous obradoiros cos que pretende xerar 42 novos empregos. Trátase  de dous procesos de capacitación, un de xardinería  e albanelaría, de doce meses de duración, e outro de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que duraría 9 meses e están dirixidas á obtención de senllos certificados de profesionalidade. A través destas ferramentas, coa que se aspira a incorporar dous directores, catro monitores e 36 persoas alumnas-traballadoras, o Goberno local pretende ademais mellorar as zonas verdes da cidade e ampliar a atención sociosanitaria, iniciativas nas que nos últimos anos investiuse unha cantidade elevada de recursos municipais dentro da política do Executivo local.

“O eixo sobre o que pivota toda a nosa xestión municipal son as persoas. A atención social e unha prioridade innegociable. Así mesmo, o noso proxecto político pasa pola consecución de espazos públicos que permitan incrementar a calidade de vida da veciñanza, facer vida no exterior e promover as relacións interxeracionais”, apuntou a alcaldesa.  A crise sanitaria provocada pola COVID-19 puxo de manifesto “a necesidade de contar con máis persoal cualificado no sector sociosanitario desenvolvendo programas formativos que  capaciten ás persoas para ter acceso a carreiras profesionais con maiores expectativas laborais”, proseguiu Alvarellos.

Deste xeito, as persoas participantes nos obradoiros solicitados poderían deselvover o seu labor en institucións locais de carácter social ou espazos muinicipais, como o Centro de día Antonio Gandoy, o parque Marcos Cela, a contorna do auditorio municipal ou as zonas verdes de Fontiñas. “Consideramos que todos estes lugares serían espazos idóneos para acoller estas capacitacións que achegan coñecementos en oficios tan diversos como a atención social, a xardinería ou a albanelería”, sinalou a rexedora.

A Xunta de Goberno Local validará as solicitudes para optar á convocatoria promovida pola Xunta de Galicia, principal financiador dos proxectos como administración competente na materia. A consecución destes obradoiros supoñería un investimento de 484.603 euros, no caso do obradoiro de xardinería e albanelería, e de 432.928 euros no de atención sociosanitaria.

O proxecto para a capacitación en xardinería e albanelería contempla que poidan formar parte deste obradoiro aquelas persoas maiores de idade que non superen a idade máxima que establece a normativa e que ademais figuren como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil en Galicia.  Pola súa banda, o obradoiro dual de atención sociosanitaria podería ser solicitado por todas as persoas, que estando desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, sexan maiores de idade.