Skip to main content
Lugo

Abre o luns o prazo para anotarse nas actividades das reservas da biosfera

Por 23 Marzo, 2024Sin comentarios

A Deputación de Lugo abre o próximo luns, 25 de marzo, o prazo de inscrición para participar no novo programa de actividades gratuítas que organiza co obxectivo de fomentar o lecer saudable e a educación ambiental nas reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola institución provincial. O novo calendario inclúe en total 15 propostas con máis de 420 prazas para todos os públicos, que se desenvolverán no segundo trimestre do ano, do 8 de abril ao 28 de xuño.

Actividades na Reserva Terras do Miño

As actividades na Reserva Terras do Miño comezarán no Centro de Interpretación Terras do Miño cunha xornada de Economía Circular e Sostibilidade que se celebrará os días 8, 9, 10, 11 e 12 de abril en horario de 10:00 a 14:00 horas. Unha iniciativa que porá a disposición da veciñanza 15 prazas.

Obradoiro de técnicas artesanais de secado e preservado de flores celebrarase os días 15, 16, 17, 18 e 19 de abril. Haberá 18 prazas para adultos distribuídas en dous grupos de 9 persoas e un horario de mañá entre as 10:00 e as 14:00 e outro de tarde entre as 15:30 e as 19:30. Esta actividade desenvolverase tamén no Centro de Interpretación Terras do Miño.

Ademais, estas instalacións acollerán do 22 ao 26 de abril, en horario de 10:00 a 14:00 horas, Actividades Deportivas na Natureza, nas que poderán participar 15 adultos. Esta iniciativa repetirase no mes de maio – os días 13, 14, 15 e 16- co mesmo horario e co mesmo número de prazas.

Os días 6, 7, 8, 9 e 10 de maio, das 16:00 ás 20:00 horas, terá lugar a xornada Como preparar unha horta para a chegada da primavera. Desenvolverase no Centro de Interpretación Terras do Miño e haberá 20 prazas a disposición dos veciños e veciñas.

Taller práctico de reutilización e reciclaxe: as 3R terá lugar os días 20, 21, 22, 23 e 24 de maio entre as 10:00 e as 14:00 horas. Celebrarase no Centro de Interpretación Terras do Miño e haberá 10 prazas a disposición dos adultos.

Os nenos e nenas a partir de 8 anos poderán participar na xornada Facemos música coa reciclaxe, que se celebrará do 27 ao 30 de maio e o 3 de xuño polas tardes, entre as 17:00 e as 20:00 horas. Terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño e haberá 15 prazas dispoñibles.

Con motivo do Día do Medio Ambiente, o 5 de xuño, celebraranse dúas actividades. A primeira será a inauguración da exposición Desde a reciclaxe á creatividade musical, no Pazo de San Marcos, que se abrirá ao público desde as 12:00 horas e que se poderá visitar ata o vindeiro día 12 de xuño. Por outra banda, ese mesmo día o Salón de Actos da sede da Deputación de Lugo acollerá ás 20:00 horas a conferencia de Manuel Andrade Pragas Emerxentes. O acceso será libre e gratuíto ata completar o aforo.

O 14 de xuño terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño a xornada Ave do ano, o Abetouro: Bernis e a vaca que muxe. Haberá 15 prazas dispoñibles e o horario será de 10:00 a 14:00 horas.

Baño de árbores é o título doutra xornada que se celebrará os días 18 e 22 de xuño para un total de 30 participantes, que se dividirán en grupos de 15. En ambos casos, o horario será de 10:00 a 14:00 no Centro de Interpretación Terras do Miño.

As actividades nesta Reserva da Biosfera rematarán coa xornada Ciencia Activa no Centro de Interpretación. Esta actividade celebrarase o 24, 25, 26, 27 e 28 de xuño entre as 10:00 e as 14:00 horas para un máximo de 15 nenos e nenas a partir dos 6 anos.

Actividades na Reserva Os Ancares Lucenses

As actividades na Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá arrancarán no Centro Social de Becerreá cunha xornada sobre os Tipos de peches eléctricos para ovino e caprino que se celebrará os días 11 e 25 de maio. O horario será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas. Haberá 15 prazas para adultos.

Becerreá acollerá tamén o Campamento científico, unha actividade para nenos e nenas que se celebrará os días 25, 26, 27 e 28 de xuño en horario 10:00 a 14:00 horas. Haberá 20 prazas e terá lugar no Centro Social do municipio.

A xornada sobre Plantas medicinais terá lugar o 9 de xuño en Cervantes. A cita será no Edificio de Servizos Múltiples do concello, contará con 15 prazas e terá lugar entre as 10:00 e as 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas.

O CPI de Cervantes celebrará, no marco destas actividades, unha xornada de Busca e estudo de insectos o vindeiro 16 de maio entre as 10:00 e as 14:00 horas no propio centro escolar para o seu alumnado.

Finalmente, haberá outras dúas actividades no concello de Navia de Suarna. Unha xornada co título Tradición e plantas medicinais en Galicia que se celebrará na Escola de Barcia o 28 de abril en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Haberá 15 prazas para adultos.

Ademais, 25 persoas poderán participar no Roteiro dos Cortíns, que se celebrará o 11 de maio en horario de 9:00 a 14:00 horas para público familiar. O punto de encontro será a Casa Quindós, situado en Vilela, na parroquia naviega de Son.

Como inscribirse

As persoas interesadas poderán anotarse a través das diferentes canles dispoñibles, chamando ao número de teléfono 982.305.930 e 982.227.812, enviando un correo electrónico a a.ambientais@deputacionlugo.org no caso das actividades de Terras do Miño e ancareslucenses@deputacionlugo.org para as actividades que se desenvolven na Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Tamén hai un espazo habilitado na web da Deputación: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.