Skip to main content
Lugo

Lugo recibe á Armada na tradicional parada militar

Por 25 Marzo, 2024Sin comentarios

Lugo recibiu aos altos cargos da Armada na tradicional parada militar que simboliza os lazos que ámbalas dúas institucións manteñen dende hai máis de 60 anos con motivo da celebración da Semana Santa. Á recepción, presidida pola rexedora e coa participación da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez,, asistiron Francisco Guerrero Mayol, Comandante del Tercio Norte; Victor H. Blanco, axudante do Almirante de Ferrol; Tomas Luis Cordón, director da Escola A. Escaño; Miguel López, axudante maior.

Estiveron acompañados moitos deles polas súas esposas, así como tamén formou parte da cita o capelán Jairo Gonzalez, o presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta Piñeiro; Isabel Lagares Mosquera, Irmá Maior da Confraría da Virxe da Esperanza e membros da Confraría da Virxe da Esperanza.

A alcaldesa sinalou que desde o Concello e a Armada queren “seguir cumprindo, dentro do posible, coa tradición que nos une cada Luns Santo dende hai máis de sete décadas”. Do mesmo modo, destacou o papel capital dos militares do Arsenal de Ferrol na procesión da  Virxe da Esperanza. “É coñecido por todos o estreito vínculo de irmandade que existe entre Lugo e Ferrol. Por iso, a presenza dos membros da Armada nas nosas rúas durante esta xornada non só é un símbolo de respecto e colaboración, senón tamén unha mostra da unidade que existe entre as forzas armadas, a nosa cidade e todo o país”.

En palabras de Alvarellos trátase dunha constatación de que, “máis aló do seu deber de servir e protexer, a Armada está profundamente arraigada na vida cotiá dos lucenses e de todos os galegos e así únese a nós en momentos de celebración e conmemoración”. Unha relación que ten a súa orixe nos anos da Guerra da Independencia, cando o Tercio Norte tomou parte activa na defensa da cidade de Lugo, en 1809, derrotando aos franceses no sitio actual das Gándaras.

Esa vitoria do Tercio Norte evitou a toma da cidade polas tropas de Napoleón. Xa a mediados do século XX, en 1953, o Ministro da Mariña recibiu, no nome da Armada, o título de Irmán Maior Honorario da cofradía da Virxe da Esperanza e a partir desa data a Armada participa ininterrompidamente nos actos da Semana Santa de Lugo escoltando na súa procesión á Virxe da Esperanza.